Agasallos artesáns de Nadal para toda a familia no posto de Asprodico

O Centro Asprodico, dependente da Concellería de Benestar Social que dirixe Verónica Carrera, colocará un posto ambulante o sábado día 16 na rúa Oriente diante do Centro Social de Ponteareas. Este posto, que demostra as habilidades do alumando do taller ocupacional, estará aberto de 10 a 14 horas.

Neste posto pódese atopar unha ampla variedade de agasallos de nadal feitos de xeito artesanal polos trece usuarios e usuarias do centro Asprodico e polo seu equipo técnico.

Bolsas para o pan, pratos pirogravados, chaveiros en coiro, carteiras, orixinais chaveiros axenda, mandilóns, prantas e un sinfín de produtos realizados nos obradoiros que se desenvolven a diario como parte da didáctica cotidiá do centro Asprodico.

O obradoiro ocupacional que se desenvolve nesta instalación municipal permite que persoas con diferentes discapacidades adquiran competencias en diferentes ámbitos entre os meses de outubro e xuño.

A Concelleira de Benestar Social sinala a importancia deste posto no que todos e todas as veciñas poden observar o traballo diario e as destrezas dos usuarios e usuarias de Asprodico.