Chega a VIII edición do Festival de Fontes e Muíños, cun percorrido polos mananciais de Santiago de Oliveira

Celebrarase o vindeiro domingo 14 de agosto cunha andaina polas cinco fontes da parroquia, unha homenaxe á ‘Fonte de Aguito’ e un xantar popular

A parroquia de Santiago de Oliveira prepárase para celebrar o seu Festival de Fontes e Muíños. Nesta oitava edición, a homenaxeada será a ‘Fonte de Aguito’. A Asociación Cultural “Os Muíños” organiza, xunto ao Concello de Ponteareas, esta tradicional andaina que terá lugar o vindeiro domingo día 14.

O punto de encontro será o propio edificio do Centro Cultural. Está previsto que a actividade dea comezo ás 11:00 horas cunha peregrinaxe por todas as fontes da parroquia. Deste xeito, percorreranse a Fonte da Regueira, a Fonte da Valonga, a Fonte da Pedreira e a Fonte dos Mouros até chegar, ao redor das 13:00 horas, á Fonte de Aguito, onde as persoas participantes farán un alto no camiño para rezar unha oración de agradecemento.

Finalmente, a partires das 14:00 horas, no Terreiro do Socorro (ou en caso de choiva, na capela) haberá petiscos para que as e os participantes da andaina poidan repoñer forzas e compartir experiencias.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida á veciñanza a participar nesta actividade que pon en valor unha boa parte do patrimonio histórico e natural do Concello. Ademais, o edil quere agradecer “ao tecido asociativo e, en concreto, á Asociación Cultural Os Muíños de Oliveira o seu labor imprescindible para manter viva a parroquia e as súas tradicións”.