A praia fluvial de San Roque acolle unha nova xornada festiva co pau de sebo como principal reclamo

Será o 20 de agosto e haberá xogos tradicionais para todos os públicos

Comezou a conta atrás en Ponteareas para gozar dunha nova xornada festiva na praia fluvial de San Roque. Será o vindeiro 20 de agosto, grazas á colaboración entre a veciñanza da zona e o Concello de Ponteareas e á súa aposta pola recuperación das nosas festas populares e as nosas tradicións.

O gran protagonista destes festexos será, sen dúbida, o pau de sebo, un xogo tradicional que ten dúas modalidades: a horizontal,  para maiores de 16 anos e a vertical, que non ten límite de idade. O obxectivo é chegar ao final do pau, pero cunha dificultade engadida: que estará cuberto de sebo e polo tanto será moi esvaradío, requirindo habilidade e equilibrio para logralo. No caso do horizontal, as persoas que non o superen levarán unha refrescante chapuzadura no río Tea, cuxa calidade das augas permite o baño das persoas usuarias.

As e os interesados en participar, terán que formalizar a súa inscrición de xeito presencial na carpa que se habilitará diante da capela de San Roque, o propio 20 de agosto, a partir das 16.00h.

As e os gañadores terán premio. O primeiro recibirá un saboroso xamón cedido polas empresas Impoclima e Construcións Daponte. O segundo premio, cedido por Aloumiños da Terra, constará de produtos da súa horta e cervexa eco artesá. E o terceiro premio constará dun corte de pelo e piercing ofrecido por Kalki Barbershop Tattoo e polo salón de peiteado A. Lamora.

Ademais, as familias que se acheguen á praia fluvial de San Roque, desfrutarán dunha xornada de xogos tradicionais e populares aptos para todos os públicos.

A música correrá a cargo do Grupo folclórico da Casa Cultural de Areas, Avoid Notes e, por último, Almudena Lamora amenizará a velada durante a madrugada.

Dende o Concello animan ás e aos ponteareáns a desfrutar desta xornada festiva na praia fluvial de San Roque e a levar os seus alimentos para gozar tamén da cea campestre, unha actividade que propicia a confraternización veciñal. “Dado o éxito que tivo a recuperación desta festa popular en 2018 e 2019, tras 30 anos esquecida, non quixemos deixar de facelo agora que a situación sanitaria o permite”, afirman.