As demandas de concellos como Ponteareas forzan un encontro coa Subdelegación de Goberno

Vanesa Fernández, Mario Lago e Xosé Represas confirmaron que o vindeiro venres terá lugar unha reunión en Pontevedra á que asistirán 19 concellos para tratar o problema da falla de seguridade nos mercadillos

Q55A1052

Mario Lago, concelleiro de Comercio, e Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá

O Concello de Ponteareas vén de recibir, esta mesma mañá, un comunicado da Subdelegación do Goberno en Pontevedra no que se lle convoca, xunto a outros 18 concellos do sur da provincia, a formar parte dunha reunión na sede da propia Subdelegación o vindeiro venres, 13 de novembro, ás 10:00 horas.

Trátase dunha “consecuencia motivada polas demandas realizadas nos pasados días por Ponteareas e outros municipios nos que se esixía a actuación da Administración Central nun asunto que afecta á seguridade de moitas persoas”, tal e como sinalaron os tres membros do goberno local.

Unha actuación máis que necesaria, unha obriga legal

Vanesa Fernández, edil de Seguridade Cidadá, repasou os feitos acontecidos ao longo das últimas tres semanas, os cales “inclúen ameazas de morte, de desterro, tiroteos en plena autovía e diversos tipos de enfrontamentos”. Fernández reclamou unha “auténtica actuación transversal por parte das forzas de seguridade do Estado, únicas competentes e capaces de poñer freo a unha escalada de violencia cuxa evidencia xa é flagrante”. A Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral do Estado establece que a “Subdelegación de Goberno é a encargada da protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, así como de garantir a súa seguridade, polo que só pedimos que se cumpra a lei e que asuman a súa responsabilidade”.

A concelleira salientou que “resulta incrible que despois de acontecementos como os vividos nos últimos días teñamos que escoitar declaracións do Delegado do Goberno en Galicia argumentando que as forzas de seguridade actuarán cando sexa necesario; non sabemos que máis cousas teñen que pasar para que esta actuación sexa considerada necesaria”.

Os concellos atópanse sos

Pola súa banda, Mario Lago, concelleiro de Comercio, “recordou que o mercadillo de Ponteareas segue a desenvolverse con normalidade grazas á xestión do Concello en materia de seguridade, pois fomos nós os que pedimos axuda ao cuartel da Garda Civil en Ponteareas e coordinamos unha vixilancia conxunta entre este corpo e o da Policía Local, garantindo a seguridade nos mercadillos dos sábados que se celebraron nas últimas semanas”.

Lago recordou que dende a Subdelegación “non teñen inconveniente en mobilizar Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para vixiar o transcurso de, por exemplo, manifestacións nas que participan traballadores reclamando os seus dereitos”, polo que “esperamos que teñan o mesmo compromiso á hora de asegurar a seguridade dos vendedores ambulantes e os cidadáns que acuden ao mercadillo”.

Tanto o edil de Comercio como o alcalde lamentaron que “non exista unha normativa autonómica sobre mercados ambulantes elaborada pola Xunta de Galicia que puidera permitir facer fronte a situacións de conflito coma esta dunha maneira conxunta, e non deixando aos concellos desamparados”.

Represas expresou o desexo de “encontrar solucións enriba da mesa na reunión do vindeiro venres e reiterou o ofrecemento de Ponteareas como sede neutral, pois aquí aínda non se produciron incidentes, para manter un encontro entre todas as partes implicadas que posibilite atopar solucións”.