Ponteareas contará cunha ordenanza de Transparencia e Bo Goberno

Aportará unha total transparencia no funcionamento do Concello e maiores garantías de información para os veciños e veciñas en asuntos do seu interese

O goberno local ponteareán proporá a súa aprobación no pleno do vindeiro martes, 17 de novembro

pres-ordenanza-transp

Cristina Fernández, concelleira de Réxime Interior, Xosé Represas, rexedor municipal, e Benito Márquez, edil de Transparencia

O executivo municipal de Ponteareas proporá na vindeira sesión plenaria a aprobación da creación dunha Ordenanza Municipal de Transparencia e Bo Goberno. O proxecto da mesma foi presentado esta mesma mañá polo alcalde, Xosé Represas, o concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez, e a concelleira de Réxime Interior, Cristina Fernández. O principal obxectivo desta ordenanza é dotar a Ponteareas dunha “administración máis moderna, áxil e simplificada”.

O texto elaborado polo goberno local, baseado na proposta presentada a todos os concellos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), permitirá dar respostas máis rápidas, directas e claras aos veciños e veciñas de Ponteareas, facilitando, asemade, o traballo diario dos cargos electos e do persoal do Concello. Ponteareas será un dos primeiros municipios en aprobar e aplicar esta ordenanza. Até o día de hoxe, só dous concellos galegos se adheriron formalmente ao plan promovido pola FEGAMP.

 

Transparencia e modernización

A entrada en vigor desta ordenanza que o rexedor municipal, Xosé Represas, define como “un paso fundamental para garantir que a os representantes públicos poidan render contas sobre a xestión realizada”, contempla unha serie de principios que permitirán “rematar coa situación existente até agora de ocultismo e falta de información , a cal é caldo de cultivo de casos de corrupción como a Operación Patos.

O goberno traballa nun “plan de modernización da administración para atender aos cidadáns de forma rápida e eficaz”. Moitas das medidas que se recollen nesta ordenanza formarán parte do devandito plan.

 

Información pública

“Toda a actividade do concello e do goberno será pública e , na maior parte dos casos, accesible a través de internet”. Ese é o compromiso manifestado por un Xosé Represas que asegurou que “a miña axenda institucional, as declaracións anuais de bens e actividades de todos os concelleiros da corporación, as resolucións xudiciais que afecten ao concello, os informes xurídicos definitivos, a relación de inmobles e vehículos municipais, todos os contratos que asine o concello, o listado de provedores, adxudicatarios e contratistas do concello, os diferentes convenios e o importe das subvencións concedidas serán públicos”.

Neste senso, a veciñanza poderá coñecer todos os servizos cos que conta o concello, ademais dos diferentes procedementos administrativos que tramita o propio consistorio.

 

Código ético e de bo goberno

O goberno local ten a intención de “ir máis alá do que marca a lei en termos de ética e bo goberno”, tal e como confirmou Cristina Fernández, respectando a ausencia de publicidade relacionada co inicio, desenvolvemento ou remate de obras e proxectos en campaña electoral; establecendo a prohibición de colocar placas en obras públicas co nome de persoas pertencentes ao equipo de goberno, incluído o alcalde; e dando conta das viaxes dos concelleiros con cargo aos orzamentos do Concello.

 

Un paso máis no proceso de transparencia

O concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez, salientou “a importancia que suporá a aprobación dunha ordenanza que permitirá dar un pulo ao portal de transparencia xa creado grazas ao esforzo e profesionalidade do departamento de Informática do Concello, que permitiu deseñar unha plataforma moi completa sen necesidade de contratar a unha empresa externa”.

Represas rematou manifestando “o desexo de contar co total apoio dos grupos que forman a corporación que forman a corporación para incorporar a Ponteareas ao marco xurídico actual en materia de transparencia, acceso á información e bo goberno; cando chegamos ao goberno prometemos abrir as xanelas desta administración e así o faremos”.