Arrincan as obras de humanización da rúa Redondela en Ponteareas

DCIM100GOPROGOPR2939.JPG

O goberno do BNG-PSOE informará á cidadanía das restricións de tráfico e acceso durante a execución das obras

O goberno de Ponteareas do BNG-PSOE informa que veñen de comezarse as obras de humanización da rúa Redondela que foron adxudicadas por 424.654,18 euros despois dun concurso público ao que se presentaron máis dunha ducia de empresas.

As obras suporán unha transformación profunda e positiva da rúa Redondela. Actualmente a rúa é un itinerario de paso de vehículos con elevado tráfico en dobre sentido de circulación, as súas beirarrúas son estreitas e apenas conta con arborado e mobiliario urbano para a estancia das persoas. Coas obras de humanización iniciadas a rúa Redondela pasará a ser unha rúa chea de calidade de vida para os seus residentes e os viandantes, con beirarrúas amplas, arborado, bancos para a estancia das persoas, nova iluminación e servizos soterrados renovados, un único sentido de circulación no seu tramo máis longo reducindo a intensidade do tráfico, dos ruidos e da contaminación.

Con esta actuación, financiada nun 80% con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, a rúa Redondela deixará de ser un espazo degradado para converterse nunha rúa de calidade e atractivo social e comercial.

O proxecto de humanización da rúa Redondela, na que o Concello asume o 20% do seu custe con fondos propios, encádrase na política que segue o actual goberno municipal desde 2015 co obxectivo de recuperar espazos para as persoas e mellorar o medioambiente”

Estas obras,favorecen tamén o desprazamento das persoas con mobilidade reducida, carriños de bebés e cadeiras de rodas garantindo o dereito destas persoas a moverse con liberdade.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, explica que a medida que avancen as obras as restricións de acceso á rúa e as alternativas serán comunicadas coas correspondentes sinalizacións. Ademais engade que se mantén a rúa aberta para acceso de residentes e servizos comerciais e pide que non se utilice esta vía como itinerario de paso, empregando como alternativa Rosalía de Castro e Sarmiento Rivera.