Alerta ante o notábel ascenso de casos positivos en Ponteareas

O Concello pide a implicación de toda a cidadanía para reducir o número de casos e salvar de posibles novas restricións aos negocios locais

A alcaldesa en funcións e concelleira de Saúde, Cristina Fdez. Davila, alerta do aumento do número de casos de COVID-19 no noso concello. A cifra de onte é de 77 casos activos colocando ao Concello de Ponteareas cunha incidencia acumulada superior a 250, unha cifra que nos fará vivir novas medidas e restricións se así o determina a Xunta de Galicia tras a xuntanza do comité clínico que se celebrará na tarde de hoxe.

A concelleira advirte que todos e todas somos responsábeis e insta, novamente, á cidadanía a extremar as precaucacións para non pór en risco non só a nosa saúde se non tamén a nosa economía.
“Nas mans de todas e todos nós está facerlle fronte ao virus. A cifra pode obrigar a vivir novas restricións se así o decide a Xunta por iso é indispensábel que sexamos estrictos, máis cívicos ca nunca e que cumpramos a normativa”.

Cristina Fdez. Davila solicita á veciñanza a súa colaboración facendo só os desprazamentos indispensábeis, mantendo as distancias sociais, empregando en todo momento as mascariñas e evitando ao máximo as xuntanzas. “Lembramos que nos locais de hostalaría debemos ser conscientes do uso da máscara en todo momento excepto para consumir polo tempo imprescindible. Temos que evitar a propagación do virus, mantendo controlado o número de casos positivos”.

Esta nova subida de casos porá unha vez máis en risco a economía de negocios de hostalaría e comercios locais ademais de outros postos de traballo, engade a alcaldesa en funcións.

Este aumento de casos coincide coas semanas seguintes ás celebracións familiares de nadal e tamén co cribado que solicitou o Concello, o que pon de manifesto a importancia desta realización de PCRs masivas aos sectores máis expostos e así coñecer a afección real da pandemias. O cribado permite que se detecten persoas asintomáticas que, sen sabelo, podían estar contaxiando. Agora o cribado continúa coa realización de PCRs entre os traballadores/as municipais e o persoal dos centros educativos de Ponteareas.