Ponteareas pon en marcha un sistema de reservas en liña para as pistas de tenis municipais

O concelleiro de deportes en funcións do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, vén de anunciar a posta en marcha dun novo sistema de reserva das pistas de tenis municipais, situadas na Freixa.

 

Trátase dunha plataforma en liña que permite aos usuarios e usuarias comprobar ao momento a dispoñibilidade das pistas, reservando aquela franxa horaria que máis lle conveña de xeito totalmente gratuíto calquera día da semana.

 

Cada persoa usuaria disporá dunha hora e media cada día, e só poderá manter dúas reservas activas ao mesmo tempo, o sistema permite tamén a cancelación con ata 12 horas de antelación. “Deste xeito, evitamos que unha única persoa realice reservas indiscriminadas e garantimos a posibilidade de que calquera veciña ou veciño poida acceder en igualdade de oportunidades”, sinalou o concelleiro.

 

A través dun enlace – http://reservasdeportivas.ponteareas.gal/ – as e os usuarios deberán rexistrarse na plataforma. Unha vez iniciada a sesión, seleccionarán que pista das dispoñibles queren empregar e tras cada reserva recibirán un correo electrónico de confirmación.

 

 

Colaboración co Club Tenis Ponteareas

Ademais, o Concello de Ponteareas asinou recentemente un convenio de colaboración co Club Tenis Ponteareas. Nese documento, entre outras acordos, o Concello cede a dito club o uso de dúas das pistas municipais para o desenvolvemento dos seus adestramentos e competicións federadas, contribuíndo así á formación de deportistas que desexen practicar esta modalidade deportiva.