A XI Feira de Outono afianza o seu público e consolídase na axenda cultural do outono

O concello de Ponteareas a través da concellería de Cultura e Turismo que dirixe Hortensia Bautista fai un balance positivo da undécima edición da Feira de Outono e felicita aos organizadores por innovar un ano máis e ampliar a oferta de actividades e postos ofrecidos ao público.

Coorganizada polo Sindicato Labrego, Centro de Recuperación de Cultura Popular,  pola Asociación Xuvenil Galiza Nova, a Asociación Soutea e polo Concello de Ponteareas a XI Feira de Outono sorprendeu aos participantes coa novidade do show cooking e os obradoiros de queixos para os máis cativos, destacando a alta participación en todas as actividades. 

Nos cincocentos metros cadrados de carpa os visitantes descobriron produtos novos nos máis de trinta postos que apostaron por produtos de alta calidade ofrecendo tamén unha ampla variedade. 

Co ánimo de ofrecer cada ano unha actividade diferente o obradoiro de queixos para os máis pequenos e pequenas resultou un éxito así como o show cooking ofrecido polo restaurante A Xanela Gastronómica. Novidades que completaron un programa que ademais de promocionar os produtos da gastronomía tamén difundíu coñecementos para achegarse ao mundo da micoloxía e promoveu as tradicións coa celebración do serán, organizado por Sadeo, e do magosto.

Entre as novidades deste ano tamén estivo premiar aos participantes cun sorteo que repartíu centos de agasallos entre os clientes dos distintos postos. 

A concelleira de Cultura salienta o récord de participación nas charlas e saídas micolóxicas. 

Baile, charlas, música, gastronomía, obradoiros, saídas didácticas e tradición foron os ingredientes que un ano máis atrairon a un numeroso público.

Organizadores e concelleira agradecen a todos os expositores a súa participación e colaboración e convidan a todos os asistentes a volver na vindeira edición na que, un ano máis, se recuperarán as tradicións festivas e gastronómicas do outono.