A Policía Local investiga a subtracción de sinais de tráfico na zona do Centro de Saúde de Ponteareas

Os sinais acabados de instalar foron retirados na noite do xoves e localizados nun lugar próximo

A Policía Local de Ponteareas investiga a subtracción na noite do xoves ao venres de varios sinais de tráfico instalados o xoves para a nova reordenación do tráfico no entorno do Centro de Saúde.

Os sinais foron retirados por persoas descoñecidas e ocultadas en varios lugares das inmediacións onde foron localizadas. A Policía Local realiza indagacións para identificar ao autor ou autores desta acción, que constitúe un delito contra a seguridade viaria penado con prisión de seis meses a dous anos de cárcere.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, considerou “lamentábel e intolerábel estes comportamentos” e asegurou que “se investigará para localizar aos autores”. Mera engadiu que “tamén temos detectado comportamentos consistentes en retirar ou modificar a posición de sinais temporais que prohiben estacionar por razón de obras ou eventos o que tamén constitúe unha infracción”. O edil nacionalista advertiu que “non imos consentir que uns poucos desprecen as normas de convivencia e para erradicar estas actitudes inadmisíbeis actuaremos coa máxima contundencia”.