Anabel Antela presenta en Ponteareas “A lingua galega no sector téxtil”

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participará na presentación

A estudante ponteareá da Universidade de Vigo, Anabel Antela Castro, presenta o seu estudo A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millennial galega o vindeiro xoves día 15 na súa vila natal, acompañada polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

O libro, que está á venda en diferentes librarías do país, é un estudo que a autora fixo como o seu traballo de fin de grao (TFG) para acadar o seu título de graduada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e resultou estar tan ben feito e ser tan interesante que tanto a Mesa pola Normalización da Lingüística como a Deputación de Pontevedra decidiron publicalo. Entre outras cuestións, a investigadora consegue, a través desta análise, crear un campo teórico que serve como base e orientación para futuras accións ou campañas que contribúan á mellora da situación da lingua galega no sector téxtil e así contribuír á loita que trata de pórlle fin á situación de diglosia na que se ve sumida Galicia.

A efeméride terá lugar no marco das actividades que Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas ten preparadas para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor. Tal iniciativa consistirá en levar a cabo unha serie de presentacións de obras de autoras vinculadas co municipio da Vila do Tea.

“Este libro significa, para Ponteareas, unha tripla alegría: por ver plasmado o interese da mocidade pola lingua propia do país, por ver que agroman traballos que achegan datos positivos para o futuro da lingua e por ser unha ponteareá quen o ideou e quen o realizou”, sinala o edil das Áreas de Lingua e de Cultura, Fernando Groba. “Xa que logo, animamos a todas as persoas que teñan un mínimo de interese en coñecer a situación da nosa lingua ou sobre o propio sector téxtil a que non falten a esta cita”.

O acto celebrarase na sala multiúsos do auditorio municipal o xoves 15 de abril ás 19.00 horas e disporá dun servizo de venda de exemplares, así como dun punto de sinaturas. Para asistir á presentación, hai que reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal