A orquestra Charleston Big Band abre paso ao entroido nas rúas de Ponteareas

A concellería de Cultura e Turismo do concello de Pontereas que dirixe Hortensia Bautista convida a toda a cidadanía a participar das actividades de entroido que comezan este venres día 1 de marzo co obradoiro de maquillaxe que terá lugar ás 18 horas no parque da Perillana.

O sábado día 2 ás 11 horas haberá animación de rúa coa charanga Os Imperiais e ás 17:30 horas na praza Maior obradoiros de entroido con Eduvia.

O domingo día 3 ás 17:00 horas no centro urbano terá lugar o desfile de comparsas e ao remate na praza Maior lectura de coplas seguidas da actuación da orquestra Charleston Big Band.

Máis de once comparsas que baten récords de membros para repartir cor e sorrisos entre o público.

Bautista convida tamén a todas as familias a participar no concurso de disfraces amenizado por Animar_T a partir das 16 horas para o concurso infantil e a partir das 19 horas o de adultos.

O martes 5 ás 18:30 horas a charanga Mekánika animará as rúas antes do desfile de comparsas de entroido que comezará ás 19 horas.

Loito e pranto chegarán o mércores día 6 ás 19 horas co enterro da sardiña e a lectura do testamento acompañada pola charanga SDK.

O programa de entroido complétase coa exposción fotográfica de entroido do fotógrafo Xoán Carnero, impulsor do entroido de rúa e observador de detalles que toda a cidadanía poderá descubrir nesta exposición de máis de oitenta instantáneas que podemos gozar e descubrir nos comercios de Ponteareas.

O entroido é unha tradición galega ancestral na que todos os membros da familia poden dar renda solta a súa imaxinación non só disfrazándose se non tamén coas coplas das comparsas nas que a retranca e o humor brindan un momento de diversión”, explica a concelleira Hortensia Bautista.