A musealización do Castelo de Sobroso converte a fortificación nun dos grandes focos de atracción turística da provincia

A musealización do Castelo de Sobroso converte a fortificación nun dos grandes focos de atracción turística da provincia

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e rexedores e rexedora do Condado-A Paradanta participaron este luns na súa inauguración

 

Día histórico coa inauguración este luns da musealización do Castelo de Sobroso, posible “grazas ao extraordinario traballo e enorme esforzo de dúas institucións, concello de Ponteareas e Deputación, que traballamos colaborativamente, sumando ideas, para que isto fose realidade”. Así o explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que recordou o papel desenvolvido neste proxecto polo anterior alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, falecido fai case un ano, e a alcaldesa Cristina Fernández, que estiveron acompañadas no acto de alcaldesas e alcaldes dos concellos do Condado e A Paradanta, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e As Neves, representantes do tecido cultural e social, blogueiras/os e instagramers de turismo, e de José Germán, neto de Alejo Carrera Muñoz, antigo propietario do castelo de Sobroso.

 

Un importante evento para dar así o pistoletazo de saída á innovadora e tecnolóxica musealización que potenciará a toda a comarca e a converterá nun dos grandes focos de atracción turística da provincia.  Así o destacou a rexedora ponteareá, quen asegurou “que a iniciativa desenvolvida en Sobroso “é un luxo e unha xoia, que abre moitas posibilidades para Ponteareas e toda a comarca do Condado e A Paradanta”. “A inauguración deste museo supón dispoñer dun ben patrimonial tan característico e cun inmenso valor medioambiental, cultural, histórico e turístico que atraerá á veciñanza e a turistas, producindo así unha actividade económica que favorecerá as nosas vilas e comarcas”.

 

A xornada de inauguración do Castelo de Sobroso vestiuse de trasnos e seres do Bosque Atlántico coa produción “Bosque Vivinte”, a cargo das actrices de Sarao Animación a través da cal criaturas da natureza de Sobroso deron á benvida ao público asistente. Da súa man, e da do director da musealización, Antoni Nicolau, as persoas convidadas coñeceron o proxecto desenvolvido no castelo, que, unido a Soutomaior, converte á provincia no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías, para atraer así a visitantes que demandan experiencias únicas. “Somos das poucas institucións que teñen feito este tipo de musealizacións que contan a historia dende o século XII con elementos e innovacións do século XXI”, salientou Silva.

 

A musealización do Castelo de Sobroso converte a fortificación nun dos grandes focos de atracción turística da provincia

 

O investimento realizado na ambiciosa musealización do Castelo ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística. As estancias adecuáronse para poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer experiencias a través das tecnoloxías e de producións audiovisuais que recollen, de xeito ameno e entretido, dende os diferentes sucesos históricos que  aconteceron en Sobroso ata as historias das personaxes vinculadas ao mesmo.

 

O proxecto dota ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, onde se presenta unha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes; “A historia do Castelo e os seus habitantes”; cun audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón; “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera; “A construción do Castelo”, con paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza, introducindo ao público no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de cantería que abundan no castelo; “Os seres máxicos e a auga”, que inclúe lendas dos bosques de Sobroso nun ambiente iluminado especialmente para a ocasión; e “Os castelos, escenario de trobadores”, onde se recupera a tradición oral en torno ao castelo e a súa contorna, fundamental para impulsar o patrimonio inmaterial do castelo. O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

 

As visitas irán acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará as producións audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se atopan nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron, adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico.

 

Ao fío da inauguración da musealización do Castelo de Sobroso terán lugar unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas. A partir de mañá, martes 5 de abril, poderase facer xa a reserva (en reservas.castelodesobroso@depo.es) para participar nesta actividade que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde.  “Estou segura que serán un éxito e que en cinco minutos van quedar esgotadas todas as prazas”.