A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas converte Ponteareas nun grande escaparate educativo

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas converte Ponteareas nun grande escaparate educativo

 

O evento reúne a case 30 centros da provincia que amosa a alumnado e público xeral unha ampla oferta formativa coa que axudar a orientar o futuro laboral da mocidade

 

O maior escaparate educativo de Ponteareas reabre as súas portas. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; o xefe provincial de Educación da Xunta, César Pérez Ares; e a deputada provincial responsable de Centros de Ensino, Noemí Outeda, inauguraron este martes a cuarta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas, un dos eventos educativos máis importantes para o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato dos institutos de Ponteareas e da contorna, que volveu á presencialidade tras a pandemia.

 

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas converte Ponteareas nun grande escaparate educativo“Queremos espertar a curiosidade na nosa mocidade e darlle a oportunidade de coñecer a diferente oferta formativa de man das e dos propios estudantes dos ciclos, porque canta máis información teñan mellor poderán decidir o seu futuro formativo e laboral”, salientou a rexedora, quen recalcou a importancia de “visibilizar toda a oferta educativa e formativa que temos, non soamente en Ponteareas e na comarca, senón tamén na provincia de Pontevedra”.

 

As autoridades realizaron unha visita a cada un dos stands dos 28 centros educativos presentes na Feira, conformando un escaparate de formación actual “para todo o alumnado de Ponteareas e comarca sen ter que desprazarse”. Fernández Davila destaca o importante esforzo do Concello por poñer en marcha un evento no que ademais de información sobre as modalidades que imparten os centros, os e as asistentes gozarán de demostracións prácticas do traballo que se realiza dentro do currículo educativo de cada ciclo. “Para que os nosos mozos e mozas poidan escoller unha vez rematen os seus estudos de ESO ou Bacharelato é fundamental que coñezan todas as modalidades formativas que teñen na súa man. E aquí descubrirán que non soamente hai saídas universitarias, que son as máis coñecidas, senón que hai tamén moitísimas gamas formativas que poden ser moi interesantes e que poden incluso sorprender”, explicou.

 

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas converte Ponteareas nun grande escaparate educativoNesta edición, cinco guías do voluntariado municipal amosan os diferentes postos en pequenos grupos a todas e todos os asistentes nunha organización innovadora que permitirá facer as visitas máis persoais e seguras.

 

Tras a apertura este martes a público escolar e a público xeral, a feira volve abrir as súas portas para o alumnado de centros educativos o mércores 16, que poderán coñecer os traballos de administración, xoiaría, soldadura, restauración, idiomas, música, electricidade, auxiliar de voo, deportes, moda, cantería, imaxe e son, sanidade, electrónica, informática, panadería, arte dramática, caracterización, ilustración, xestión ambiental, educación infantil, artes plásticas e deseño. A escola profesional de banda deseñada, O Garaxe Hermético, tamén ten o seu espazo, berce de grandes artistas de Ponteareas como Pablo Prado, Anémona de Río ou Sergio de Arcos.

 

Dende o Concello queren agradecer a implicación e o esforzo de todos os centros formativos que participan nesta Feira expoñendo, así como a todos aqueles institutos de Ponteareas, Mondariz, Salvaterra do Miño, As Neves, A Cañiza e Salceda de Caselas que apostan por visitala co seu alumnado.

A Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas converte Ponteareas nun grande escaparate educativo