A OMIX informa do inicio do prazo para participar nos campamentos de verán da Deputación

Depoaventura-2016A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Mocidade, que dirixe Verónica Carrera, pon en coñecemento de todas as persoas interesadas que o prazo para participar nos campamentos de verán que organiza a Deputación Provincial de Pontevedra e que se desenvolven na Lanzada estará aberto ata o vindeiro 8 de abril. Nestes campamentos poderán participar todos os rapaces e rapazas nados  entre os anos 2003 e 2008, ámbolos dous inclusive.

 

A Deputación oferta un total de 2.200 prazas, das cales se reservarán 300 de balde para menores en situación ou risco de exclusión social. Estas últimas estarán financiadas a través do convenio asinado coa Fundación La Caixa dirixido a menores en situación ou en risco de exclusión social.

 

A Ponteareas correspóndenlle un total de 65 prazas para o alumnado que estea censado na vila, das cales 6 están reservadas para nenos ou nenas pertencentes a familias en situación ou risco de exclusión social, tendo que ser esta acreditada cos correspondentes informes do departamento municipal de Servizos Sociais.

 

Os campamentos distribuiranse en 11 quendas que terán lugar do 26 de xuño ao 10 de setembro. O prezo para as prazas non financiadas a través do Convenio coa Fundación La Caixa será de 83,60 € por persoa. Os membros de familia numerosa terán un desconto do 20%.

 

As persoas interesadas en solicitar máis información poden facelo na Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal, no teléfono 672 10 54 68 ou no enderezo de correo electrónico omix@ponteareas.es.