16 comparsas participarán no concurso de comparsas de entroido de Ponteareas

cartaz entroido

O desfile de comparsas de Entroido, que terá lugar o domingo, día 15 de febreiro contará con máis de 800 persoas desfilando polas rúas da vila  de Ponteareas, feito que obriga ao Concello a introducir cambios no percorrido inicialmente previsto.

Dado que se pasou dunha participación de  10 ou 11 comparsas  nos últimos anos  a un total de 16 comparsas inscritas nesta edicción, o concelleiro de Cultura,  Andrés Sampedro Fernández,  acordou  cos representantes das comparsas modificar e facer máis grande o percorrido que terán que realizar as comparsas o domingo, día 15  de febreiro.

Deste xeito, a saída será, este ano, dende o pavillón cuberto  do colexio Virxen dos Remedios percorrendo as seguintes rúas: Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Praza de Bugallal, Oriente, Praza Maior, Arxentina, Doutor Fernández de la Vega, Reveriano Soutullo, Constitución, Praza de Bugallal, Oriente e remate na Praza Maior onde se procederá á lectura das coplas.

 

Compre lembrar que, de acordo coas bases,  cada comparsa percibirá 200 euros en concepto de participación e  establécense  os seguintes premios: 1º premio de 500 euros;  2º premio de 300 euros; 3º premio de 200 euros e  4º premio de 100 euros.

O Concello de Ponteareas  tamén concederá un premio especial de 300 euros á mellor comparsa en representación das parroquias  de Ponteareas.

O  xurado do concurso de comparsas de Ponteareas estará integrado por un representante de cada unha das comparsas inscritas,  e varios representantes de colectivos e  asociacións culturais de Ponteareas.

Descarga o programa do entroido 2015 (96.3 KiB)