Ponteareas modifica o seu presuposto por importe de máis de 215.000 euros para atender necesidades urxentes e inaprazables

concelloO Pleno do Concello de Ponteareas aprobou este venres unha modificación presupuestaria do seu orzamento, por importe de 215.638,71 euros, que permitiría atender no exercicio do 2015 gastos adquiridos, gastos e necesidades urxentes e inaprazables para os cales non existía dotación económica no presuposto ou resultaba insuficiente.

Este importe estará destinado a distintos servizos ou necesidades, como son as  destinadas a atender as necesidades de urxencia e emerxencia social, así como de gastos en materia de comedores escolares, incrementándose a partida en  51.000 euros que, xunto á xa existente, permitirá destinar no exercidio de 2015 unha contía de 60.000 euros para atender este tipo de necesidades. Igualmente, créase un crédito extraordinario por importe de 12.000 euros para axudas económicas ás familias numerosas en materia educativa.

Dentro do eido deportivo, e para dar cumprimento ás necesidades dos distintos clubs e asociacións do termo municipal, incrementarase a partida en 20.000 euros, que veñen sumarse aos 40.000 euros con que xa estaba dotada a partida. Así pois, este ano o Concello de Ponteareas destinará 60.000 euros a subvencións para estes colectivos. Destinaranse tamén 24.000 euros para  sufragar unha porcentaxe dos gastos de enerxía do Complexo Deportivo Álvaro Pino.

O Concello de Ponteareas acometerá investimentos por un importe total de 352.505,12 euros nas “Obras de humanización da Rúa Reveriano Soutullo (Tramo II) e Amado Garra (tramo I)” e nas de “Reposición de firmes nos viais de Xinzo, Prado e Cristiñade”, sendo necesario levar a cabo unha modificación no orzamento por importe de total de 30.453,40 euros, contía que faltaba para acometer as citadas obras. Así mesmo, para dar cobertura á financiación municipal do proxecto de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, habilítase unha contía de 55.185,31 euros.

Finalmente, 23.000 euros serán destinados  á Policía Local para dar cobertura  a deteminadas obrigas contraídas.

O goberno local, segundo indica o alcalde, Salvador González Solla, considerou necesario a ampliación do orzamento para dar cobertura a todas estas necesidades, sendo a maior contía a destinada a axudas económicas para atender situacións de urxencia e emerxencia social e gastos en comedores escolares, así como aquelas destinadas a fomentar o deporte local a través das subvencións a clubs e asociación deportivas.