Xosé Represas configura o goberno municipal coa asignación das diferentes áreas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, nomeou hoxe aos concelleiros e concelleiras delegadas das diferentes áreas do goberno local.

O rexedor local resérvase a área de Facenda así como a de Urbanismo. Nesta última intégranse as políticas relacionadas co saneamento, depuración e abastecemento de auga. O planeamento urbanístico, tal e como foi pactado no acordo de goberno entre BNG e PSdG-PSOE, será compartido polo Alcalde e a edil socialista Chus Garrote, mentres a xestión urbanística cotián queda delegada na área de Bo Goberno. Xosé Represas ocuparase ademais directamente da área de Seguridade Cidadá e Emerxencias así como dunha área transversal de nova creación, Medio Urbano, desde a cal coordinará todas as actuacións das diferentes concellarías que teñan incidencia no casco urbano, ademais do deseño e execución das humanizacións.

A primeira Tenente de Alcalde, Cristina Fernández, continuará exercendo como concelleira de Educación e ademais asume a área de Eventos encargada de deseñar a programación estábel de eventos sociais, culturais, deportivos ou de tempo libre, incluidos os festexos, en coordinación con áreas como Cultura ou Deporte. Fernández ocuparase ademais da concellaría de Saúde e Consumo.

A segunda Tenente de Alcalde, Chus Garrote, dirixirá a concellaría de Vías, Obras e Alumeado cuxos cometidos serán a apertura de viais no rural así como o mantemento e conservación do viario urbano, ademais da dotación e conservación do alumeado en todo o termo municipal.

Roberto Mera, terceiro Tenente de Alcalde, encargarase da concellaría de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá que asume as funcións da antiga concellaría de Réxime Interior, encargada do funcionamento administrativo do Concello, ademais da atención e información cidadá, a transparencia na xestión pública, a creación e aplicación de mecanismos de participación e colaboración cidadán e de cumprimento das normas de convivencia e civismo. O nacionalista ocuparase ademais da concellaría de Medio Rural para planificar e coordinar todas as actuacións con incidencia nas parroquias. Por último asume a área de Tráfico e Mobilidade, que inclúe o transporte público.

Verónica Carrera continuará ocupándose da concellaría de Benestar Social e Igualdade. Fernando Groba asume as áreas de Cultura e Lingua. Eva Gil dirixirá a concellaría de Promoción Económica, que inclúe Comercio e Turismo, e Vanesa Fernández encargarase da concellaría de Formación e Emprego. Rosa Covelo ocuparase da área de Medioambiente, onde se inclúen, entre outras, as competencias de recollida e xestión de residuos e os parques e xardíns. Nahir Covelo dirixirá a área de Deportes, mentres Miguel Bouzó se ocupará da concellaría de Mocidade de maneira transversal co resto de áreas de goberno. Por último, Benito Márquez continuará ocupándose da concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico ademais da área de Persoal.

O Alcalde amosouse convencido de que o reparto de responsabilidades nun goberno de doce edís “contribuirá a gañar en eficacia e capacidade para atender os grandes retos que temos por diante nos vindeiros catro anos” e animou a todo o seu equipo “a esforzarse para dar resposta ás grandes expectativas depositadas en nós pola maioría da veciñanza”.