Xavier Alcalá presenta a súa última novela no ciclo Venres D_letras

O escritor Xavier Alcalá, un dos referentes máis importantes da literatura galega contemporánea, visita esta semana Ponteareas para participar no ciclo «Venres D_letras», desenvolvido pola Concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista, onde presentará a súa última novela «The Making Of». O escritor manchego e afincado en Ferrol, é autor de obras tan relevantes como Fábula, A nosa cinza ou Contos do Impaís, entre outras, e ostenta no seu poder algúns dos premios máis importantes, como o Manuel Murguía, o Blanco Amor ou o Premio da Crítica de Galicia.

«The Making Of» relata a viaxe dun enxeñeiro de telecomunicacións á Patagonia arxentina por motivos laborais, que recibe dun compañeiro de traballo a petición de que investigue sobre a morte do seu avó naquelas latitudes. O enxeñeiro inicia así unha pescuda na que irá descubrindo a historia de Alfredo Mosquera, O Coghomelo, un emigrante e delincuente no Buenos aires da década de 1930, xogador, mulleireiro, así como colaborador cos círculos de apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial. Sarcástica, corrosiva e, ás veces, brutal, é o relato dun sobrevivinte trazado con mestría por Xavier Alcalá, que é capaz de enguedellar ao lector na aventura oculta da emigración galega na Arxentina. Nesta obra, Alcalá convídanos, ademais, a participar no proceso creativo da novela, no «making of» que anuncia no título.

Xavier Alcalá, natural de Miguelturra (Cidade Real), vive en Galicia dende a súa nenez, onde exerce como enxeñeiro de telecomunicacións amais de colaborar na prensa. Iniciou a súa obra literaria en 1972 coa publicación de Voltar, seis personaxes e un fado, á que seguiron títulos como A nosa cinza, Fábula, Nos pagos de Huinca Loo, Cárcere verde, Latitude austral, Contos do Impaís, Código morse ou Alén da desventura, entre outros. Amais de novela e relato, tamén escribiu crónicas de viaxes, fixo algunhas traducións e participou en numerosas obras colectivas. É posuidor de premios como o Manuel Murguía (en dúas ocasións), o Blanco Amor, o Modesto R. Figueiredo ou o Concello de Vilalba. En 2006 foi recoñecido  co Premio da Crítica de Galicia pola novela Nas catacumbas, coa que iniciou unha triloxía sobre a epopea das comunidades evanxélicas en Galicia.