Verán de deporte en Ponteareas

Xa están abertas as inscricións para participar nas Escolas Deportivas os meses de xullo e agosto. Haberá ata 11 disciplinas a escoller

Verán de deporte en PonteareasAs Escolas Deportivas regresan un verán máis a Ponteareas cunha morea de propostas para que cativos e cativas a partir de 3 anos e mocidade gocen dunhas vacacións estivais activas. “Con estas escolas buscamos fomentar hábitos de vida saudábeis entre as novas xeracións e promocionar entre todas as persoas o deporte como unha alternativa de lecer, dando ademais a oportunidade a rapaces e rapazas de probar diferentes modalidades deportivas, algunhas menos coñecidas”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que destaca ademais que o Concello quere “que nenos e nenas descubran a importancia do deporte e o incorporen á súa vida cotiá, non só estes meses de verán, senón durante todo o ano”.


Xa está aberto o prazo de inscrición para participar en ata 11 disciplinas deportivas dirixidas a infancia e mocidade que serán totalmente de balde e con prazas limitadas. As familias interesadas poden facer xa a súa solicitude a través do Rexistro de entrada do Concello.


Esta edición das Escolas Deportivas de verán chega con algunhas novidades entre as súas propostas, como a práctica da loita libre olímpica para rapaces e rapazas de 8 a 16 anos da man da Federación Galega de Loita a segunda quincena de xullo e agosto os mércores ás 12.00 h no pavillón do IES Val do Tea. Este ano tamén estará no cartel o boxeo e a defensa persoal, con sesións para maiores de 12 anos a primeira quincena de agosto martes e xoves ás 11.00 h no pavillón do IES Val do Tea coa colaboración de LEAM training.


De 4 a 11 anos tamén poderán practicar hóckey os mércores (10.30 h) da segunda quincena de xullo no pavillón 1 do Complexo Deportivo Álvaro Pino co Hóckey Club Ponteareas e patinaxe os xoves ás 17.00 h da segunda quincena de xullo e agosto no pavillón 2 co Club Patinaxe Luar e sen límite de idade. Rapaces e rapazas de 5 a 16 anos tamén poderán facer taekwondo no pavillón do IES Val do Tea os martes e xoves (11.00 h) da segunda quincena de agosto con LEAM training ou mércores e venres (10 h) durante todo o mes de agosto coa colaboración do Club Sport Factory.

Ademais, tamén poderán inscribirse en fútbol sala para participantes de 6 a 16 anos na segunda quincena de xullo os xoves ás 19.00 h no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino con Fútbol 40×20, a partir dos 5 anos en tenis os mércores ás 12.00 h na segunda quincena de xullo e agosto nas pistas de tenis municipais da Freixa co Club Tenis Ponteareas ou en natación a primeira quincena de agosto, con clases de luns a xoves co Club Natación Ponteareas ás 15.30 horas para nenos e nenas de 6 a 8 anos e ás 16.30 horas a partir dos 9 anos.

Este ano volve tamén o wu-shu, do que poderán gozar rapaces e rapazas de 5 a 16 anos a segunda quincena de xullo martes e xoves ás 10.00 h no pavillón do IES Val do Tea co Club Sport Factory. Se o que prefiren é baloncesto, poderá desfrutarse os xoves (16.00 h) da segunda quincena de xullo e agosto no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino da man do Club Baloncesto Condado. Cativas e cativos poderán tamén achegarse á práctica do billar, a partir dos tres anos poderán practicalo os mércores do mes de agosto ás 18.30 horas na Casa Cultural de Bugarín co CBS Sportivo e a partir dos 7 anos os xoves 28 de xullo e 11 e 25 de agosto ás 18.00 horas no Centro Artístico Sportivo co CAS La Escuela de Billar. 

O concelleiro de Deportes anima a todos os nenos, nenas e mocidade a participar un ano máis das escolas deportivas de verán e agradece “o gran labor e a boa disposición dos diferentes clubs e asociacións para que un ano máis poidamos levar adiante estas actividades”.

FICHA DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS DE VERÁN