Vai haber máis que palabras… III Feira do Libro de Ponteareas

A concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a sacar o máximo partido á programación da III Feira do Libro que arranca mañá xoves día 11 a partir das 18:00 horas na Praza Maior co concerto-presentación de Cantamos de Luís Vallecillo (Guindastre edicións) que ao remate do concerto asinará o seu libro. A III Feira do Libro está organizada en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia  e conta co apoio da Deputación de Pontevedra

Mañá ás 19 horas Raquel Castro presentará A formiga fóra do carreiro editado por Galaxia e ás 20 horas será a inauguración oficial co pregón do poeta e dramaturgo Roi Vidal. A continuación, a escritora Isabel Blanco ofrecerá un recital poético que rematará cunha sesión de “micro aberto” na que están convidados a participar todos aqueles interesados en dar a coñecer os seus propios textos (prosa ou poesía) ou a compartir os seus achádegos literarios. Á inauguración asistirá Teresa Márquez en representación da Federación de Libreiros de Galicia; Victoria Alonso, deputada provincial e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, ademais dos e das concelleiras do goberno.

O venres día 12 a feira abrirá de d12 a 14 horas e de 18 a 22 horas. Os máis pequenos e pequenas poderán visitar a feira co Gardián dos Libros ao longo da mañá dende as 12 horas e cada 30 minutos. María Soliño abre a programación do venres asinando na caseta da libraría Lafer. Á mesma hora o alumnado dos IES de Ponteareas ofrecerá unha charla-coloquio sobre Linguas minorizadas, diversidade cultural e integración na Europa do século XXI enmarcada dentro do programa “Erasmus +”.

Ás 18 horas María Soliño volverá a asinar na caseta da librería Lafer mentres Beto Luaces asina Vicvs. Un lugar aquelado na caseta da libraría Cartabón. A esta mesma hora o refuxio de animais Os Biosbardos relata a historia de Parche e María Soliña visita a libraría Terra para seguir coa sinatura dos seus libros.

Ás 19 horas Olga Lalín e Esther Medraño falarán sobre autismo coa colaboración da asociación Familias Azuis e Manuel Esteban asina os seus libros na caseta da libraría Pedreira e Beto Luaces na da libraría Milfollas.

Ás 20 horas a escritora Arantxa Portabales presenta o seu libro Beleza vermella da editorial Galaxia.

Para pechar o segundo día de feira ás 21 horas Anna R. Figueirido presenta Os Bicos Feridos tamén de Galaxia.

A programación continúa do sábado día 13 que a feira abre ás 11 horas e pecha ás 14 horas para volver de 18 a 22 horas. Ás 11 horas a biblioteca municipal de Ponteareas realizará actividades de animación á lectura.

Ás 12 horas María Soliño asina na caseta da libraría Terra.

Ás 18 horas Elena Gallego Abad presenta Dragal V. O segredo do dragón de Xerais.

O domingo día 14 a feira abre ás 12 horas e pecha ás 14 horas e pola tarde abre de 18 a 22 horas.

Ás 12 horas a Academia de Arte ofrece o obradoiro de ilustración e banda deseñada.

Ás 18 horas Xoán Curiel agasallará o concerto-presentación Canta miña pedra canta.

Ás 19 horas Clara do Roxo presenta Actrices Secundarias da editorial Elvira e Alberte Momán asina na caseta da libraría Milfollas.

Ás 20 horas Iolanda Zúñiga presenta Natura editado por Galaxia.

Ás 21 horas o concello de Ponteareas presenta o libro dos Xogos Florais 2018/2019 e Obescrebimupo”do obradoiro de escrita creativa.

O coro de Gospel da Asociación Xuvenil Ascan pechará esta terceira edición da Feira do Libro ás 22 horas.

As librarías participantes, Pedreira, Cortizas, Galaxia, Ledo, Cartabón, Lafer, Terra, Don Papel e Milfollas ofrecerán durante todos os días de feira un 10% de desconto no prezo de todos os libros.