Unha mostra da arte efímera floral de Ponteareas locerá en Italia e Portugal esta fin de semana

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández, no nome de todo o goberno despediron ás e aos alfombristas que partiron hoxe para Italia e acompañarán esta fin de semana á representación ponteareán que realizará unha alfombra floral no marco das festividades da Nossa Senhora da Rossa do concello portugués de MonÇao, grazas tamén á colaboración da Deputación de Pontevedra. 

Mañá sábado 11 de maio os e as alfombristas de Ponteareas promoverán a arte efímera de Ponteareas na cidade italiana Pietra Ligure e na cidade portuguesa de Monçao na que reforzarán, un ano máis, os dez anos de irmandade cun deseño da artista portuguesa Mafalda de Castro con elementos típicos da cultura portuguesa.

Dúas cidades separadas xeográficamente pero unidas pola arte floral da nosa cidade. En Pietra Ligure participarán dentro da sexta edición da exposición internacional “Pietra Ligure in Fiore” que se celebra dende hoxe ata o domingo no centro histórica da cidade.

Segundo explica a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, este evento ten como obxectivo mellorar o coñecemento e as tradicións relacionadas coa realización de “infiorate”. Alemania, Austria, Bélgica, Hungría, Lituania, Polonia e Portugal serán outros dos países participantes que farán un total de 43 alfombras congregando a máis de 800 alfombristas.

Xosé Represas reafirma o seu apoio aos e ás portadoras desta tradición propiedade das xentes de Ponteareas.