Teresa Ríos presentará este sábado ás 20.00 horas o seu poemario “Iris Atalaia” na sala multiúsos do Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a asistir e lembra que a entrada é libre ata completar aforo

 

A poeta e veciña de Ponteareas, Teresa Ríos, presentará este sábado ás 20.00 horas o seu poemario “Iris Atalaia” na sala multiúsos do Auditorio Municipal. A entrada é de balde e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a asistir a un acto “onde poder desfrutar da grandísima voz poética de Teresa Ríos”.

 

Con “Iris Atalaia”, Teresa Rios tráenos a visión conxunta do seu cosmos onde o mar, a fraga, os paxaros e a lúa orbitan arredor da fonda pegada da terra de seu, que a marcaría desde a infancia. O poemario está publicado pola editorial Medulia, que o define como un “libro sensorial no que as palabras levan a escoitar o renxido dos chanzos da vella casa, a caída das árbores, o movemento das mans en cada despedida”

 

O concelleiro tamén quere agradecer á poeta “a súa gran implicación coa cultura local”, xa que é unha das compoñentes do colectivo de poesía de base Versos de Area e da súa sección teatral Cabrafanada e ten colaborado en varias publicacións colectivas.