Sesión dobre de contacontos para bebés de 0 a 3 anos co programa Apego en Ponteareas

Será o luns 27 de febreiro ás 17.30 e ás 18.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. É imprescindíbel inscrición previa

Sesión dobre de contacontos para bebés de 0 a 3 anos co programa Apego en PonteareasO programa Apego volve traer a Ponteareas unha nova actividade na que nenos e nenas gozarán dunha tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro luns 27 de febreiro a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá unha sesión dobre de contacontos sensorial destinados especialmente a bebés de 0 a 3 anos, a primeira ás 17.30 horas e a segunda ás 18.30 horas.

Nesta actividade, a cargo de Eduvía, bebés e persoas adultas acompañantes compartirán unha experiencia feliz da man das palabras, as emocións que acompañan as palabras, as cancións, a lectura, os libros… Todo acompañado de obxectos manipulábeis para chamar a atención deste público inquieto e, á vez, ávido de experimentar e de gozar xunto aos seus seres queridos.

Estes contacontos serán de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa, xa que hai prazas limitadas. As persoas interesadas poden reservar a súa a través do correo electrónico lingua@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.

Este espectáculo de Eduvía forma parte das actividades que fomentan a vinculación das familias co galego dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e nenas de entre 0 a 6 anos no noso idioma”; como explica Fernando Groba, concelleiro de Lingua. Groba convida a todas as familias con bebés de 0 a 3 anos a gozar desta actividade que fomenta compartir experiencias únicas entre a cativada e os seus pais, nais, avoas, avós…