Represas traslada á delegada da Xunta, Luisa Piñeiro, as prioridades de Ponteareas consensuadas por toda a Corporación

A delegada da Xunta de Galicia visitou hoxe o concello de Ponteareas

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, e María Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, mantiveron esta mañá unha xuntanza con motivo da súa primeira visita institucional ao concello de Ponteareas na que o alcalde, acompañado pola segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, presentou as prioridades de Ponteareas que foron consensuadas por todos os grupos políticos da Corporación e aprobadas en Pleno por unanimidade.

Para Ponteareas é crucial nestes momentos a concreción, no vindeiro ano 2021, por parte da Xunta de Galicia, das actuacións nas que todas as forzas políticas coincidimos por consideralas vitais para o futuro de Ponteareas”, manifestou o alcalde de Ponteareas

Na reunión que tivo lugar na alcaldía, o alcalde entregoulle á delegada da Xunta de Galicia a relación xustificada destas prioridades entre as que o alcalde destacou as relacionadas con servizos básicos á cidadanía como abastecemento e saneamento; completar a rede de abastecemento municipal nas parroquias de Moreira e San Mateo de Oliveira e o saneamento da parroquia de Ribadetea.

 

Represas tamén pedíu a implicación da Xunta de Galicia para acometar con urxencia as obras de mellora de seguridade viaria que precisa a estrada autonómica PO-403 desde o enlace da A-52 en Moreira ata o núcleo urbano e manifestou a disposicion do Concello a colaborar coa Xunta na realización do proxecto de transformación do tramo desa estrada na Avda. Castelao en base ao Plan de Mobilidade municipal, “é un tramo urbano no que a Xunta de Galicia ten as competencias”.

 

Con respecto aos centros educativos, o alcalde trasladou as demandas das ANPAS e da comunidade educativa en xeral sobre a necesidade de realizar obras de mellora da eficiencia enerxética nos centros, así como a reforma do CEIP Fermín Bouza Brey e o ximnasio do CEIP de Oliveira.

 

Outra das peticións acordada por todas as forzas políticas de Ponteareas é a ampliación do Centro de Saúde.

 

Finalmente, o alcalde tamén lle trasladou a Luisa Piñeiro, a demanda de que a Xunta de Galicia compense aos Concellos polos gastos de hixienización dos colexios que con motivo da pandemia está asumindo en solitario o Concello cando é un gasto sanitario competencia da Xunta de Galicia.

 

A visita finalizou co compromiso de Concello e Xunta de traballar conxuntamente coa máxima colaboración.