Represas lamenta as “mentiras compulsivas” do PP e Belén Villar sobre os salarios do goberno

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas lamentou as “mentiras compulsivas do Partido Popular” en relación coa aprobación de salarios no pleno celebrado onte.

O Alcalde desmentíu de plano que os salarios aumentasen o 60%: “é unha gravísima falsidade coa que o PP pretende facer política rastreira”, sinalou Represas, quen aportou os datos oficiais recollidos nas actas dos plenos: “en 2015 para un concelleiro con adicación exclusiva aprobouse como salario bruto anual 25.200 euros e agora a contía é de 30.000. Calquera con matemáticas de primaria sabe que o aumento é do 19% e non a barbaridade do 60%”.

Ademais, o Alcalde explicou que “o importante non son as porcentaxes, o que importa é o que se cobra e, por desgraza, os salarios do goberno en Ponteareas seguen sendo baixos. Segundo os datos do Concello, até agora un edil con adicación exclusiva percibía de media 1.650 euros netos ao mes en doce pagas. Agora percibirán 1.579 euros netos ao mes e dúas pagas extras de 1.749 euros netos, o que fai unha media para 12 meses de 1.870 euros mensuais netos. Represas sinalou que “non é un salario para escandalizarse e menos aínda cando hai membros do meu goberno que perden un 30% do que viñan gañando no seu traballo profesional”.

Respecto á acusación do PP e de ACIP atribuindo ao Alcalde un soldo encuberto de 12.000 euros ao ano en dietas por asistencias a Plenos e Xuntas de Goberno, Represas fixo públicos os datos oficiais da contabilidade municipal que indican o cobro dunha media anual de 6.756 euros, é dicir, 563 euros ao mes, a metade do afirmado por ACIP. Respecto á acusación de Belén Villar atribuindo ao alcalde o cobro de 3.000 euros ao mes en quilometraxe, Represas cualificou a acusación de “disparate” e aportou o dato oficial do Concello que indica un gasto mensual de 283 euros por todos os seus gastos xustificados, como desprazamentos no seu vehículo, estancias en viaxes, comidas oficiais, etc…“Resulta inadmisíbel que me acusen de cobrar ao mes 3.000 euros cando recibo 283 euros e ademais por gastos xustificados Afortunadamente, a xente puxo aos mentireiros no seu sitio nas pasadas eleccións”, concluíu Represas.