Rematadas as obras de mellora no segundo tramo da vía de Cillarga

O concello de Ponteareas mellora a pavimentación do segundo tramo da estrada desde Cillarga a Areas, enmarcado no Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia.

Esta estrada, que se convertera en intransitable pola falta de mantemento tras anos de abandono e desgaste, conta xa con nova pavimentación en dous tramos. Nesta segunda actuación, incluíronse traballos de limpeza do pavimento anterior e o estendido dunha nova capa de rodadura nun treito de 970 m para mellorar o seu firme e, como consecuencia, a seguridade viaria.

A totalidade das obras realizáronse sobre terreos de titularidade pública ao tratarse dun viario existente e cun custe total de 63.151€ máis IVE ( total 76.412,71€), o Ive é asumido polo concello.  

Para a concelleira de Vías e Obras e Tenente de Alcalde, Chus Garrote, estas obras eran imprescindibles xa que a estrada estaba prácticamente intransitable obrigando a acceder a Cillarga a través de Ribadetea. “Unha vez rematada a mellora de todos os tramos desta estrada, o tráfico poderá acceder a Cillarga directamente dende Areas sen ter que cruzar Ribadetea. Esta é unha obra moi demandada pola veciñanza que, tras anos de falta de mantemento por parte dos gobernos do PP, vía como ano tras ano ían quedando sen esta vía de acceso”, explica a Tenente de Alcalde. 

A actuación neste segundo tramo súmase á xa realizada nunha primeira fase do proxecto de mellora da seguridade viaria en Cillarga, Cumiar, Ribadetea, e Mouro, en Padróns, cun orzamento total de 89.978,74€, dos que o concello asumíu 18.640,32€ e o resto con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.