Presentación do II Festival Groba

Festival GrobaEste mércores, día 20 de agosto, será presentada a segunda edición do Festival Groba, ás 12:00 no salón de sesións da Casa do Concello ponteareá. Este acto contará coa presenza do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, Anxo M. Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Rogelio Groba Otero, músico e fillo do compositor Rogelio Groba,

O Festival Groba será por segundo ano consecutivo, desde o día 23 ao 30 de agosto, un lugar de encontro e un referente deste tipo de actividades de verán na comunidade galega. Mestúranse a interpretación con concertos todos os días e a formación de novos músicos a través de clases maxistrais impartidas por músicos de longa traxectoria musical e de recoñecida proxección internacional. Tanto os concertos como as actividades formativas son completamente gratuítas e levaranse a cabo no Auditorio Reveriano Soutullo, no primeiro caso e no Conservatorio do mesmo nome, no caso das clases maxistrais.

O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, quere salientar a importancia deste Festival Groba, evento único polo seu formato e que converte a Ponteareas durante toda a semana no punto de mira da música en Galicia.