Ponteares habilitará unha zona de acampada no albergue xuvenil con motivo da celebración do Día da Picaraña

DSC00666O vindeiro domingo, 1 de maio, Ponteareas vivirá unha nova edición do Día da Picaraña, unha das celebracións que contan cunha maior participación de veciños e veciñas do concello de todas as idades que viven, con toda a súa intensidade, o sabor das romarías populares.

Dado que son moitos os mozos e mozas que, dende sempre, acampan xa dende a noite anterior á celebración da festa, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Mocidade que xestiona Verónica Carrera,  lembra que, segundo a lexislación vixente, a acampada libre está prohibida.

“Para que isto non sexa un impedimento e permitir que todas as persoas interesadas poidan acampar nesta zona tal e como veñen facendo dende hai varios anos, dende o Concello poremos á súa disposición, de xeito gratuíto, terreos do albergue xuvenil da Picaraña”, asegurou a propia Verónica Carrera. As persoas interesadas só terán que se inscribir na oficina da OMIX, situada nas instalacións da Biblioteca Municipal de Ponteareas, na rúa A Perillana. Para máis información é posible chamar ao número de teléfono 672 10 54 68.