Ponteareas transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas

Ponteareas transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas

 

As obras supoñen un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000€ serán achegados pola Deputación, e permitirán intervir en máis dun quilómetro de rúas

 

Crearase unha senda peonil e ciclábel que dará lugar ao primeiro camiño escolar seguro dende a vila até o CEIP Ramiro Sabell, demandado pola comunidade educativa

 

O Concello de Ponteareas iniciou os trámites para licitar as obras de transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade dende a vila de Ponteareas até o CEIP Ramiro Sabell. O goberno prevé executar as obras ao longo do vindeiro ano 2022. A actuación atinxe á estrada que conecta o casco urbano con parroquias como Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira, Celeiros e Guillade. Tamén se intervirá no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino así como nesta última rúa entre a saída de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os Institutos Val do Tea e Pedra de Auga. En total a actuación abranguerá arredor de 1.100 metros de rúas e estradas e suporá un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000 serán achegados pola Deputación de Pontevedra a través do plan ReacPon.

 

As actuacións suporán a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Neste tramo a rúa pasará a ser plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario urbano, e a circulación de vehículos a motor reducirase a residentes, garaxes e servizos. O resto do percorrido dende o parque Ferro Ucha até o CEIP Ramiro Sabell suporá un novo reparto do espazo público. Até agora aproximadamente o 75% desta rúa estaba destinado aos coches, con dous carrís de circulación e un de aparcamento, e só un 25% aos peóns, con beirarrúas moi estreitas e sen arborado. Coa obra que se executará no vindeiro ano a zona de vehículos redúcese a un carril de circulación, en sentido de entrada a Ponteareas, e outro de aparcamento. O espazo que se gaña deste xeito permite crear unha plataforma de uso peonil e bicis duns cinco metros de anchura. Ademais, as dúas marxes da estrada contarán con arborado de gran porte e mobiliario urbano, prevéndose a plantación de case 200 árbores.

 

A actuación completarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Esta rúa unirase ao parque coa eliminación do actual peche e terá carácter peonil con tráfico limitado a autorizados. Para completar a actuación, crearase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns con preferencia peonil no tramo do Paseo Matutino comprendido entre a saída de Nardos e a rúa Feliciano Barrera que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

 

Unha das finalidades principais do proxecto é crear o primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas para promover o desprazamento a pé e en bici ao CEIP Ramiro Sabell e aos IES Val do Tea e Pedra de Auga. O proxecto, que agora se fará realidade, foi o resultado dun amplo proceso participativo coa comunidade educativa do CEIP Ramiro Sabell, que demandaba unha actuación destas características. Ademais, esta semana o goberno local presentou o proxecto definitivo á veciñanza e comunidade educativa nun acto na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salientou que “esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”. A rexedora lembrou que se trata dun percorrido cun grande uso social, utilizado por centos de persoas para achegarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha e á futura Escola Infantil, ao cemiterio municipal ou a centros privados de ocio e sanitarios situados na zona ou para desprazarse camiñando á vila dende o Barral, Fontenla ou Arcos”.

 

A realización da obra leva aparellada a transferencia da titularidade do tramo da rúa Trobador Xoán García de Guillade da Deputación ao Concello de Ponteareas.

Ponteareas transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas