Ponteareas suma 61 novas prazas de aparcamento na rúa das Mimosas

Ponteareas suma 61 novas prazas de aparcamento na rúa das Mimosas

Con este espazo o Concello amplía a rede de estacionamentos disuasorios gratuítos na vila

Ponteareas conta dende esta mesma semana cun novo aparcadoiro disuasorio na rúa das Mimosas, un espazo de preto de 2.000 metros cadrados con 61 novas prazas co que o Concello amplía a rede de estacionamentos disuasorios gratuítos na vila.

A través dun convenio dunha cesión privada, con este novo aparcadoiro situado na contorna da Avenida de Castelao, unha zona moi comercial e con numerosos negocios do sector da hostalaría, o Concello “dá resposta á petición veciñal de dispoñer de máis prazas de estacionamento para realizar compras, acceder á zona peonil e mesmo dar apoio á zona escolar próxima”, como salienta a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández. 

Trátase da primeira fase de posta en marcha dun novo aparcadoiro na rúa das Mimosas e da estratexia seguida dende o Concello para ampliar a oferta de estacionamento disuasorio gratuíto no centro urbano “que axuden a deixar o coche, fomentando a comodidade de veciñanza e visitantes e favorecendo a mobilidade a pé con percorridos que en moi poucos minutos nos permiten chegar a calquera punto do núcleo de Ponteareas”.