Ponteareas recuperará a súa memoria a través do Arquivo Histórico de Imaxes

A proposta do Goberno local trata de pór en valor a memoria colectiva, o legado dos nosos antergos, un patrimonio cultural que chegue as novas xeracións

As fotografías, os documentos, as imaxes antigas, en xeral, describen como eran as persoas e o modo de vida de Ponteareas no pasado, contan a nosa orixe e axudan a comprender do forma obxectiva e crítica os acontecementos pretéritos.

“É preciso facer un exercicio de recuperación da memoria histórica. As novas xeracións poderán coñecer o valioso patrimonio cultural do que dispomos en Ponteareas. Ao mesmo tempo, poderemos conseguir que todos nos sintamos partícipes dun pobo en constante evolución”, indica a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista.

O Concello de Ponteareas, por tanto, porá en marcha as medidas necesarias para a creación do Arquivo histórico de Imaxes. Con este obxectivo, convídase a toda a poboación que o desexe, a participar no proxecto, achegando as súas fotografías, documentos, recibos, revistas, para dixitalizar e almacenar nun fondo para a súa posterior selección. “A iniciativa tenta salvar a fenda dixital entre os maiores que poden traer as fotos antigas e a xente nova que pode colaborar na súa dixitalización, creando, así, unha comunidade entre xeracións”, indica a edil. Após, unha vez creado  o fondo, darase a coñecer mediante publicacións ou exposicións.

Porase especial atención en recoñecer, valorar e difundir o labor e a obra dos fotógrafos profesionais locais, de gran valor histórico para Ponteareas. “No Concello xa hai unha recompilación de imaxes, que están sen dixitalizar e sen arquivar. Ademais, tamén houbo iniciativas particulares de recuperación fotográfica así como os arquivos dos fotógrafos cos que o goberno local pretende contar para esta labor de recuperación da memoria de Ponteareas”, explica o alcalde Xosé Represas. “Con posterioridade, virán outras fases nas que se engadirá valor a esas imaxes mediante o uso de tecnoloxías como a xeolocalización desas fotos no momento actual”, engade.