Ponteareas quenta motores para o XII Open Tenis Vila do Corpus

Ponteareas quenta motores para o XII Open Tenis Vila do Corpus

 

Aberto ata o 19 de xuño o prazo de inscrición para participar neste torneo organizado polo Club Tenis Ponteareas coa colaboración do Concello

 

Ponteareas quenta motores para o XII Open Tenis Vila do CorpusAs pistas da Freixa xa están listas para acoller o XII Open Tenis Vila do Corpus, un encontro organizado polo Club Tenis Ponteareas coa colaboración do Concello que se disputará do 23 de xuño ao 3 de xullo na vila e que como cada ano acollerá a máis dun cento de deportistas da categoría benxamín, alevín, infantil, cadete, absoluto masculino e feminino e veteranos +35 e +45 masculino.

 

“Dende o Concello agradecemos ao club o esforzo que fai cada ano para organizar este torneo que xa é un clásico nas nosas festas do Corpus”, sinalou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. O edil destacou tamén “a alta participación feminina coa que conta habitualmente este open incluído no calendario da Federación Española de Tenis e que, cada ano, conta cun maior número de participantes chegados de toda Galicia”.

 

Campións e subcampións de cada categoría recibirán os seus trofeos, así como premios en metálico por valor de 2.000 euros a repartir entre os gañadores e gañadoras das categorías Absoluto Masculino e feminino.

 

Todas as persoas interesadas en competir neste torneo poden inscribirse ata o vindeiro 19 de xuño a través da plataforma Ibertenis. Aínda que a situación sanitaria é máis favorábel, o open disputarase seguindo o protocolo COVID-19 marcado pola Federación Galega de Tenis.