Ponteareas promove a contratación de 25 persoas desempregadas a través do Plan Concellos 2023

Ponteareas promove a contratación de 25 persoas desempregadas a través do Plan Concellos 2023

Cubriranse 10 postos diferentes a xornada completa con persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia

Os contratos terán unha duración de entre 4 e 9 meses

O Concello de Ponteareas incorporará este ano ao seu persoal a 25 traballadoras e traballadores desempregadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dentro da liña 3 para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández, con esta medida “dende o Goberno municipal do BNG-PSOE seguimos dando prioridade á creación de emprego con novas incorporacións que suporán unha oportunidade laboral a veciños e veciñas na procura de emprego e que permitirán reforzar e mellorar servizos básicos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais. Nos últimos catro anos, máis de 120 ponteareás e ponteareáns puideron aproveitar estas oportunidades”.

A través deste plan de contratación cubriranse ata 10 categorías diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre 4 e 9 meses de duración, dependendo das necesidades de cada departamento. Deste xeito prevese a incorporación de:

  • 10 peóns de medio ambiente (4 con contrato de 9 meses e 6 de seis meses.
  • Tres oficiais 3ª de servizos varios (dous con contratos cunha duración de seis meses e outro de catro).
  • Un auxiliar de clínica (9 meses).
  • Dous persoas como auxiliar administrativo (6 meses).
  • Un limpador ou limpadora (6 meses).
  • Dúas persoas como monitoras de ocio e tempo libre (6 meses).
  • Un técnico ou técnica en obra pública (6 meses).
  • Dous peóns de Vías e Obras (6 meses).
  • Un oficial 3ª en fontanaría (6 meses).
  • Dous oficiais 3ª en albanelaría (6 meses).

Con estas contratacións o Goberno municipal do BNG-PSOE ponteareán axudará ás e aos novos traballadores a desenvolver diferentes habilidades para o emprego e a adquirir experiencia de cara á súa inserción laboral.  “Impulsamos a creación de oportunidades laborais entre persoas que en moitas ocasións xa levaban tempo na procura dun traballo”,  destaca a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, que explica que “as persoas contratadas a través do Plan Concellos formarán parte do equipo diario de traballo de diferentes áreas, mellorando o servizo ofrecido á veciñanza”.

O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.