Ponteareas, no alto da clasificación feminina en natación nos XIV Xogos do Eixo Atlántico

Ponteareas, no alto da clasificación feminina en natación nos XIV Xogos do Eixo Atlántico

 

Os e as 10 nadadoras participantes volveron da competición celebrada en Maia con sete medallas: 5 ouros, unha prata e un bronce

 

Grande éxito dos e das nadadoras ponteareás nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, unha competición transfronteiriza que reuniu en Maia a máis de 2.200 deportistas de distintas disciplinas de 27 municipios galegos e lusos, a cifra máis alta nos catorce anos de historia desta competición.

 

A delegación ponteareá, composta por dez mozos e mozas do CN Ponteareas que competiron en natación e natación adaptada, fíxose durante o encontro cun total de 7 medallas (cinco ouros, unha prata e un bronce) e coa categoría feminina no alto da clasificación.

 

Xunto ao ouro en 4×100 m estilos, Iria Lemos rematou como primeira clasificada nos 100 m bolboreta feminino, Yoel Faro nos 100 m braza masculino, Sofía Carballo nos 100 m braza feminino e Naira Eijo nos 100 m costas feminino. Pola súa banda, Inés Borge conseguiu a prata nos 100 m libres feminino e Uxía González fíxose co bronce nos 200 m estilos feminino.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que acompañou a delegación na súa participación nos Xogos, quixo salientar o bo papel desempeñado polas e polos deportistas da vila nesta cita transfronteiriza e dar os parabéns “a todas e todos os medallistas, pero tamén a todos os membros da delegación participante, que en cada competición deron o mellor de si mesmas para deixar o nome de Ponteareas ben alto”.

 

Ponteareas, no alto da clasificación feminina en natación nos XIV Xogos do Eixo Atlántico