Ponteareas inicia un proxecto para recoller a toponimia do seu concello

O vindeiro mércores, día 10 de marzo, o Concello de Ponteareas presentará no Centro Cultural da parroquia de Xinzo o Proxecto de recuperación de toponimia de Ponteareas. A xuntanza será ás 19.30 e cumprirá tanto o aforo como todas as medidas sanitarias correspondentes.

 

O consistorio, consciente da necesidade da recollida e recuperación dos nomes que identifican os seus lugares e para evitar a perda desta gran riqueza patrimonial, bota a andar este ambicioso proxecto, que principiará en Xinzo, e abranguerá todas as parroquias.

 

A necesidade de levar a cabo este proxecto nace perante o perigo de desaparición de microtopónimos, tanto no medio rural coma no urbano, tal como se constata desde a Comisión de Toponimia da Real Academia Galega. “Moitos nomes de lugares só existen na fala ou na memoria das persoas de máis idade e, cando estas desaparecen, ao non ser usados nin coñecidos estes topónimos pola poboación máis nova, esta riqueza patrimonial desaparece”, indica Fernando Groba, edil da Área de Lingua. “A transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. No entanto, aínda estamos a tempo de frear e evitar tal deterioro”, subliña.

 

Por iso, cómpre, desde a Administración local, pór os medios necesarios para a recuperación dos topónimos para así salvagardar este riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado e que corre o risco de perderse, unha vez que as persoas coñecedoras deste patrimonio desaparezan.

 

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.

 

Para levar a cabo este proxecto, o Concello de Ponteareas conta de xeito altruísta coa colaboración, asesoramento e contrastada experiencia na materia do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), entidade que desenvolve actividades a prol da investigación, formación e divulgación da toponimia. Nesta reunión, participarán, na súa representación, Xilberte Manso e Xosé Lois Vilar, expertos en toponimia, membros do IEM.