Ponteareas inaugura este luns 31 a exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’

Ponteareas inaugura este luns 31 a exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’

A mostra forma parte do programa de actividades de memoria posto en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra

O Concello de Ponteareas achegará ao público durante este mes dun xeito diferente as vivencias da represión e da ditadura cun amplo programa que inclúe a exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’. En colaboración coa Deputación de Pontevedra e ao abeiro do programa ‘O pasado por vir’, a mostra inaugurarase o vindeiro luns 31 de outubro ás 10.00 horas no Museo municipal coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández Davila; da técnica de Memoria Histórica da Deputación, Montse Fajardo; e de concelleiros e concelleiras do Goberno local.

Ata o 30 de novembro, o público ponteareán poderá achegarse ao Museo Municipal para coñecer un anaco da historia a través desta exposición que recolle unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, polo feito de ser mulleres, sufriron vexacións de corte sexista.

A mostra, que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936, analizará a contextualización histórica, que conta como se produciu unha quebra dos dereitos tanto de clases como para as mulleres, que pasaron a ser tratadas como menores de idade ou sempre dependentes de varón. Ademais, a exposición analizará as diferentes tipoloxías de represión e permitirá recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a coñecer esta exposición que poderá visitarse de balde no Museo municipal de luns a venres de 09.00 a 21.00 h e sábados de 10.30 a 13.30 horas.