Ponteareas habilita un servizo especial de voluntariado para axudar á veciñanza ante a crise do coronavirus

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Mocidade e Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó, pon en marcha un servizo especial ante a crise do COVID-19 para axudar ás persoas máis vulnerables, que durante o estado de alarma non poidan saír do seu domicilio para cuestións de primeira necesidade.

Este servizo, que inclúe accións como a adquisición de produtos de alimentación, medicinas ou retirada de lixo das vivendas, está destinado a persoas de avanzada idade, familias monoparentais con dependentes a cargo ou persoas con mobilidade reducida ou patoloxías crónicas.

Todas as persoas que precisen axuda para satisfacer estas necesidades básicas poderán dispoñer deste servizo dende o martes 17, podendo solicitalo no teléfono 687 764 516, de luns a venres, en horario de 10 a 14h e de 16 a 19h. As persoas voluntarias cumprirán todas as medidas preventivas para evitar o contaxio e ofrecer o servizo con seguridade.

Miguel Bouzó agradece no nome do goberno local “a colaboración de todas as voluntarias e voluntarios que se poñen á disposición da veciñanza para superar esta crise, así como da asociación Ponte Solidario, que participará na prestación deste servizo en coordinación co Concello”.

O concelleiro responsable da Oficina Municipal de Voluntariado indicou tamén que aquelas persoas que queiran unirse e formar parte do voluntariado para colaborar na posta en marcha destas accións, poderán facelo enviando un correo electrónico coa súa disposición ao enderezo voluntariado@ponteareas.gal.