Ponteareas dará axudas directas a autónomos, comercios e empresas afectadas pola Covid-19

Todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos serán atendidas

A liña de axudas é resultado do consenso entre o goberno BNG-PSOE e o grupo independente ACIP

O Concello de Ponteareas, a través da concellarías de Facenda, Emprego e Promoción Económica, ven de crear unha liña extraordinaria de axudas, que se concederán de forma directa a autónomos, comerciantes e empresas.

Estas axudas promovidas polo goberno BNG-PSOE incorporan gran parte das propostas realizadas por ACIP, logo dunha reunión de portavoces da Corporación celebrada a pasada semana. O alcalde cualificou como construtivas e realistas as propostas do seu portavoz, Juan Carlos González Carrera, e valorou positivamente a súa atitude para buscar o consenso e o acordo. “É o momento de estar a altura da grave situación pola que estamos a pasar e de estar coa veciñanza, cos comerciantes, autónomos e empresarios para enfrontar xuntos a recuperación social e económica”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.

O obxectivo destas axudas é promover a actividade económica en Ponteareas, cun apoio inmediato que minimice o impacto da crise económica provocada polo Covid-19. “Queremos que unha vez rematado o estado de alarma se reactive a economía do concello o antes posible e para iso é fundamental apoiar directamente as persoas e empresas máis afectadas”, sinalou a concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Eva Gil.

Poderán beneficiarse destas axudas calquera traballador por conta propia ou empresa, que tivera que pechar ou vira reducido o seu volume de negocio en máis do 40%. “Os primeiros recibirán 500 euros e os segundos 300 euros”, segundo informou a concelleira de Emprego, a socialista Vanesa Fernández.

O goberno local do BNG-PSOE pretende resolver as solicitudes semanalmente e contan xa cunha partida orzamentaria de 50.000 euros que se incrementará o necesario para atender todas as peticións.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, cuantificou en varios centos de miles de euros as modificacións a introducir no presuposto deste ano para atender ás familias que máis o necesitan con axudas de emerxencia social e para financiar o plan de axudas para o comercio local e todas as actividades afectadas pola crise sanitaria”.

O goberno anuncia que o prazo de presentación de solicitudes se abrirá a vindeira semana, unha vez publicadas as axudas no BOP, e se estenderá até trinta días despois da finalización do estado de alarma. As axudas deberanse solicitar a través da sede electrónica do Concello e serán compatibeis con calquera outra estatal ou autonómica. A súa tramitación será doada e áxil para que os afectados podan recibir nun prazo breve as axudas.

Ademais, o Concello asesorará telefónicamente a comerciantes, autónomos e empresarios na xestión das solicitudes cun servizo que se porá en marcha e anunciará antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Represas salientou que, “malia non termos competencias e recursos en materia de traballo, o concello fai un grande esforzo dentro das súas posibilidades para apoiar aos principais sectores económicos de Ponteareas”.