Ponteareas dá xaque mate ao aburrimento co I Torneo Nocturno de Xadrez Blitz ‘Parque A Curuxeira’

Ponteareas dá xaque mate ao aburrimento co I Torneo Nocturno de Xadrez Blitz ‘Parque A Curuxeira’
  • Xa está aberto o prazo para inscribirse neste campionato organizado pola Escola Municipal de Xadrez de Ponteareas e que se celebrará o 15 de xullo
  • A alcaldesa, Nava Castro, resalta que o torneo “é unha oportunidade para que as e os amantes deste deporte demostren as súas habilidadse nunha contorna única”

Ponteareas prepárase para acoller o I Torneo Nocturno Xadrez Blitz ‘Parque A Curuxeira’, un emocionante evento que promete cativar a público e participantes. Organizado pola Escola Municipal de Xadrez de Ponteareas, a intensa competición disputarase o vindeiro sábado 15 de xullo a partir das 22.15 horas mediante sistema suízo de 11 roldas válido para o ranking ELO Fide de Blitz.

As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse ata o vindeiro 14 de xullo enviando un correo electrónico ao enderezo xadrezponteareas@yahoo.es ou no teléfono 627 249 951. O prezo de inscrición será de 3 euros.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou o seu entusiasmo por este torneo, “unha oportunidade excepcional para que as e os amantes do xadrez demostren as súas habilidades nunha contorna única. Para o Concello é un orgullo apoiar este evento no que agardamos dar a benvida a xogadores e xogadoras de toda a rexión”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Francisco Represas, destacou que “o xadrez é un xogo que require estratexia e determinación e este torneo será sen dúbida unha experiencia emocionante para participantes e espectadores e espectadoras. Animamos a todas as ponteareás e ponteareáns a unirse e gozar dunha noite diferente de xadrez no Parque da Curuxeira”.