Ponteareas contribúe á divulgación do Programa de detección precoz do cancro de mama

A concellería de Sanidade, dirixida por Vanesa Fernández, colabora na difusión dun programa promovido dende a Dirección Xeral de Saúde Pública

anticiparse_pode_salvar_vidasO programa galego de detección precoz do cancro de mama contará coa colaboración do Concello de Ponteareas a través da concellería de Sanidade que xestiona Vanesa Fernández. O goberno ponteareá quere axudar na difusión dun programa promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A propia Xunta será a encargada de remitir nas próximas datas as cartas a todas as mulleres empadroadas en Ponteareas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, de xeito que todas elas poidan someterse a unha mamografía. Trátase dunha técnica que permite detectar tumores de pequeno tamaño antes de que sexan palpables e produzan síntomas. Tanto o lugar o como día no que se poderán someter a esta proba será especificado na propia misiva.

O pasado ano 2014, un total de 2.200 mulleres ponteareás foron avisadas, das cales 1.800 realizaron a proba. Destas últimas, un total de 60 mulleres deron positivo. Para obter máis información posible chamar ao número de teléfono 981 14 14 14, ou acudir ao departamento de Sanidade do Concello de Ponteareas. Vanesa Fernández quere “recordar a importancia que a detección a tempo dun cancro de mama pode ter na vida futura de moitas mulleres”.