Ponteareas continúa resolvendo problemas da rede de saneamento herdadas do desastre urbanístico do pasado

Ponteareas continúa resolvendo problemas da rede de saneamento herdadas do desastre urbanístico do pasado

Os problemas afloran periodicamente mediante afundimentos en vías públicas. O Concello inclúe nas obras de humanización a renovación definitiva das canalizacións soterradas

O Concello de Ponteareas continua acometendo traballos extraordinarios de renovación de canalizacións e conducións de saneamento no centro urbano que afloran periodicamente mediante afundimentos en diferentes vieiros públicos. Nos últimos anos, o Concello afrontou importantes investimentos de centos de miles de euros para resolver estes problemas. Entre as actuacións realizadas destacan a executada no cruce entre a Avenida de Galicia e o Paseo Matutino, onde era habitual a saída de auga s fecais á superficie; na rúa Braña no cruce con Magnolio, onde se anegaban con augas residuais os garaxes e baixos desta rúa, ou no cruce de San Roque coa Avenida de Castelao, onde tamén se producían asolagamentos de garaxes.

O Goberno municipal lamenta ter que destinar recursos económicos a actuacións que se poderían ter evitado se a rede de saneamento se tivera realizado no seu día correctamente. O executivo local afirma que “estes problemas son consecuencia dunha nefasta planificación urbanística e dun desenvolvemento caótico da construción no centro urbano especialmente na década dos 90 e do 2000, sen que a administración municipal controlase a execución das conexións de saneamento dos novos edificios coa rede xeral, cun deixamento total das súas responsabilidades”.

“Cada vez que se abre o subsolo en calquera obra de humanización, descóbrense situacións incríbeis, con canalizacións paralelas; outras con orixe, destino ou finalidade descoñecidos; conexións mal feitas con enormes filtracións que van socavando o subsolo…”, afirman dende o goberno municipal. A realización de obras de reforma urbana como a de San Roque, a Praza Dr. Fernández Vega, Bugallal, Rúa Redondela ou agora Trobador Xoán García de Guillade están permitindo solucionar estes problemas mediante a renovación de todas as canalizacións. As obras de Trobador Xoán García permitiron comprobar que nesa rúa se atopaba o problema que provoca afundimentos na Avenida de Galicia, dende ese cruce até a rotonda con Rosalía de Castro. A pasada semana, produciuse un novo afundimento no cruce da rúa Castañal coa rúa Orotava que obrigou a cortar ese acceso e renovar as canalizacións, actuación que rematará nestes días.

O Concello agradece a comprensión veciñal ante problemas que causan trastornos e que son consecuencia dunha situación herdada que se está resolvendo para que no futuro non se volva repetir.