Ponteareas arranca este verán cunha nova visita da unidade móbil de doazón de sangue

Ponteareas arranca este verán cunha nova visita da unidade móbil de doazón de sangue
  • Estará na Avenida de Galiza o mércores 12 e o xoves 13 de xullo de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas

O verán arranca en Ponteareas cunha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que estará os vindeiros 12 e 13 de xullo na vila para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Estas dúas xornadas o autobús situarase na Avenida de Galicia, na parte traseira da Casa do Concello, en horario de mañá e tarde: de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que cada día mantén abertos locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que logo son procesadas e analizadas nas dependencias centrais. Deste xeito é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano.

Dende a Axencia lembran que para poder doar todas as persoas deben ser maiores de 18 anos e pesar máis de 50 kg, así como non ter febre, tose ou problemas respiratorios durante os 15 días antes da doazón. É importante ademais levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar e informar ao médico de se se está a tomar algún tipo de tratamento médico.

Para maior información, a Axencia dispón do teléfono gratuíto de atención ao público  900 100 828, a través do que consultar calquera dúbida sobre a doazón de sangue ou a localización das unidades móbiles.