Ponteareas actualiza as súas restricións ante ao agravamento da crise sanitaria

O goberno local vén de actualizar as medidas adoptadas ante a nova situación na que se atopa Ponteareas con motivo da Covid-19. A localidade, segundo o Decreto da Xunta de Galicia, verá limitada a entrada e saída de persoas dende as 00h do 7 de novembro ata as 15h do 4 de decembro, quedando exceptuados os desprazamentos xustificados como o retorno ao lugar de residencia, a asistencia a centros sanitarios, o acompañamento a persoas dependentes ou o cumprimento das obrigas laborais ou docentes.

Continúan suspendidas as actividades e eventos socioculturais en instalacións públicas e Centros Culturais, os bingos sociais e as visitas á Residencia de Maiores. Así mesmo, os postos nas feiras e mercados seguirán sendo só de produtos agroalimentarios.

En canto ao ámbito deportivo, procédese ao peche das instalacións deportivas municipais, que só se poderán empregar para o desenvolvemento de competicións federadas sen presenza de público e seguindo nas demais circunstancias o protocolo Fisi-Covid da Xunta de Galicia. O goberno trasladou a cada club a decisión adoptada, e agradeceu a responsabilidade e plena disposición amosada polo tecido deportivo ante a adopción desta nova medida.

O alcalde ponteareán, Xosé Represas, indicou que “no momento de tomar esta decisión por parte da Xunta, o pasado mércores, o número de casos positivos era de 88 persoas o que significa, seguindo a referencia que emprega a OMS para aplicar as medidas restritivas, que nos encadramos na incidencia de 382 casos por cada 100.000 habitantes. Esta situación, que temos a responsabilidade de reverter conxuntamente entre institucións é cidadanía, xustifica a adopción destas medidas”.

 

CONSULTE AQUÍ O DECRETO 20201106_DECRETO 2020-2842 [Resolución alerta vermella Covid 6 de novembro 2020]