Ponteareas activa a contratación de 35 persoas en desemprego

O Alcalde nacionalista de Ponteareas, Xosé Represas, ven de activar a contratación de trinta e cinco persoas en desemprego,medida que contará cun orzamento total de 367.646€ dos que 260.060€ son subvencionados polo Plan Concellos da Deputación e 107.586€ de fondos propios.

“O goberno local de BNG, PSOE e ARDT que presido ten primado a creación de emprego para mellorar os servizos básicos municipais e dar unha oportunidade de emprego e de inserción no mercado laboral ás veciñas e veciños en desemprego”, manifestou Represas.

A proposta foi trasladada a Deputación provincial para a súa aprobación, posteriormente o Concello remitirá a oferta ao Servizo Público de Emprego, que é a entidade que realiza unha primeira selección dos aspirantes entre as persoas en desemprego de Ponteareas que estén inscritas nas súas listas. 

As contratacións, que serán a xornada completa varián dos 6 aos 10 meses, segundo as necesidades de cada departamento ou servizo municipal. Deste xeito o goberno reforza diversos servizos municipais que nuns casos non contan con persoal necesario para atender adecuadamente cada servizo por mor das xubilacións producidas nos últimos anos, e noutros casos para determinados traballos estacionais como desbroces ou para cubrir vacacións.

As trinta cinco persoas contratadas terán un salario igual aos traballadores do Concello e desempeñarán as súas funcións dentro dos departamentos de servizos básicos para poder así mellorar o servizo ofrecido á veciñanza. 

“A igual traballo, igual salario. Cunha aportación maior por parte do Concello garantiremos que todos os traballadores cobren o mesmo se desempeñan as mesmas funcións. Estes novos e novas traballadoras axudarán no traballo diario dos servizos básicos”, explica o Alcalde nacionalista Xosé Represas.

Coa máxima de fomentar a creación de emprego o Alcalde xa trasladou á Deputación a súa intención de destinar o máximo posible a crear oportunidades de traballo. 

Neste plan de emprego contrataránse un técnico de deportes (TAFAD), un técnico superior en medio ambiente, un técnico superior para proxectos, cinco auxiliares admistrativos, un auxliar de puericultura, un técnico superior en son para audiovisuais e espectáculos, un axudante de cociña, dous oficiais de terceira, un técnico de turismo, tres albaneis, un fontaneiro, dous peóns de vías e obras e quince peóns de medio ambiente.

Dentro das tarefas que desenvolverán as persoas contratadas ao abeiro do programa atópanse a conservación de espazos públicos municipais, tarefas de limpeza, axardinamento, poda, reposición de prantas, pequenas obras de construcción, control de augas de consumo e zonas de baño, arranxo de mobiliario público, mantemento das instalacións, tarefas de vixiancia, tarefas de administración e de dinamización nas instalacións municipais entre todas aquelas que se desginen.

Para a selección daráselles preferencia ás vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

O Concello de Ponteareas será quen realice a selección definitiva dos candidatos mediante un proceso de selección que desenvolverá un tribunal formado por empregados públicos.