Ponteareas activa a contratación de 20 persoas en situación ou risco de exclusión social

A iniciativa estará a cargo da subvención de 111.000 euros concedida pola Consellería de Traballo e Benestar para promover a inserción laboral de persoas preceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA)

 

O alcalde Xosé Represas manifestou a súa satisfacción por incorporar novos traballadores. “Permitirá dispor de máis persoal e daremos a oportunidade a xente afectada pola dura crise económica dos últimos anos”, dixo.

Para os vinte postos de traballo solicitáronse 4 peóns de edificos públicos, 1 auxiliar administrativo, 1 limpador/a e 14 peóns de medio ambiente. Estes últimos encargáranse de traballos de desbroce e adecentamento nos 425 quilómetros de pistas asfaltada, camiños e estradas municipais. “A previsión do goberno era estar realizando estes traballos no mes de maio pero non foi posible realizar antes os contratos porque a Xunta demorou a súa decisión. A situación das vías municpais mellorará a partir de agora”, explicou o alcalde.

As persoas contratadas a través dun proceso de selección a través do Servizo de Emprego asinarán un contrato durante sete meses, ata fin de 2016, con cargo á subvención da Consellería de Traballo e Benestar ao servizo denominado “Revalorización de Espazos Públicos” por importe de 111.226 euros.