Ponteareas acolle a presentación do álbum “En La Playa” do mestre Reveriano Soutullo

Fox trot, mazurka, polka, habanera, valz… a obra do mestre Reveriano Soutullo non ten fin e para recuperala a Fundación Reveriano Soutullo presentou hoxe no salón de plenos do concello o álbum “En la playa” escrito baixo o pseudónimo de L. Rals que xa no ano 1905 asinaba obras como a polca Noemí.

Soutullo adoitaba agocharse baixo pseudónimos como o de Lorenzo Rals ou o de L. Durán, utilizado en obras para banda. Dín os que estudaron a súa figura que ademais dun nome artístico, empregábao para non repetir o seu nome nas edicións das súas obras, sobre todo na editorial na que máis colaboración prestou, a madrileña Ildefonso Alier, na que Soutullo estaba contratado como arranxador e director de publicacións.

O total das obras de Soutullo para piano catalogadas está en 63 pezas.

No álbum atópanse os dous números, mazurca e fox trot, que na presente edición do concurso de piano deberán interpretar os e as alumnas de grao profesional como obra obrigada.

A obra ten sido supervisada polo profesor e pianista do conservatorio superior de música de Vigo, Alejo Amoedo, que presentará próximamente a súa tese doutoral versada na obra de piano do compositor pontearán internacionalmente coñecido. 

Amoedo presentou un resumo do traballo realizado no que hai que sinalar, entre outros méritos, o grande esforzo de recompilación dos números do álbum. Alejo Amoedo destacou a versatilidade da obra do mestre Soutullo capaz de adaptarse a unha versión para banda de música, para orquestrar, para orquestinas ou mesmo para bailar. A obra de Soutullo perdura no tempo a disposición de calquera apaixoado da música que a queira reinterpretar e darlle vida co seu propio selo.

A edición deste álbum foi supervisada pola Universidade de Santiago de Compostela que concorda que foi apoido por un proxecto de I+D+i (investigación, desenvolvemento e innovación).

Javier Jurado, editor de Dos Acordes, destacou a importancia de editar as pezas dos compositores para que as obras non se perdan nin queden no esquecemento. A presidenta da Fundación Reveriano Soutullo Otero, María Rosa Arija Soutullo, sinalou na súa intervención o paralelismo entre o mestre Soutullo e o editor Javier Jurado, “ambos compartieron a súa labor musical coa sua labor de editores… en ambos un obxectivo común,  a divulgación das obras de compositores galegos”.

María Rosa Arija reclamou a atención e apoio das institucións para que non se perda o legado de Soutullo “por moita música boa que exista, se non é editada en letra impresa pouco pode ser divulgada. A maioría das veces queda nun caixón”. Arija Soutullo tivo palabras de agradecemento para os membros do xurado do concurso nacional de piano Mestre Soutullo, destacando especialmente a Josefa Estarque, antiga profesora do departamento de piano do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou o valor que ten para Ponteareas o legado musical e os grandes mestres que levaron polo mundo o nome da cidade. Tamén suliñou a importancia de convocar concursos como o que se adiantaba hoxe coa presentación deste novo álbum ao traer ao presente a música de grandes figuras dando a oportunidade de promocionar novos talentos.

A concellería de Cultura e Turismo que dirixe Hortensia Bautista convídaos a desfrutar dos actos do II Concurso Nacional para piano Mestre Soutullo que terá lugar do 1 ao 4 de novembro.