Para estes días a biblioteca pública municipal recomenda achegarse aos audiolibros

A biblioteca pública municipal de Ponteareas recomenda durante o estado de alarma unha serie de páxinas web para descargar audiolibros xa que escoitar audiolibros incrementa a comprensión lectora nun 76%, mellora o vocabulario e facilita a fluidez oral, entre outras vantaxes. Ademais, ao combinar texto e audio a memorización increméntase no 40% respecto a ler en voz baixa. Os audiolibros tamén estimulan a imaxinación.

As e os técnicos da biblioteca pública municipal, explican que escoitar audiolibros permite imaxinar o que sucede no texto a medida que se vai narrando. Nun audiolibro ben traballado, coas súas pausas, entoación adecuada e mesmo dramatización, o lector será capaz de transportarse ao mundo en que transcorre a historia. Desta maneira, é posible mellorar a creatividade.

Os audiolibros son unha mellor opción para o medio ambiente. Hai que imaxinar soamente a cantidade de papel que se aforra, as árbores que non é necesario tallar e os procesos químicos de tratamento que non se levan a cabo.

Páxinas web para escoitar audiolibros de xeito gratuíto:

Na web http://consellodacultura.gal/libros-tipo.php?tipo=Libro-audio hai obras clásicas, o acceso á parte escrita é moi doado de atopar e tamén hai audios.

Tamén se poden atopar contidos en galego na seccion de audiolibros da web da Biblioteca Virtual Galega http://bvg.udc.es/catalogo.jsp?opcion=audio

Algunhas das obras máis recoñecibles en galego están neste enlace no que só hai que descargar e descomprimir con Winzip ou Winrar https://librivox.org/search?primary_key=94&search_category=language&search_page=1&search_form=get_results