Once mozos e mozas de Ponteareas participan no encontro autonómico de correspondentes xuvenís

Once mozos e mozas de Ponteareas participan no encontro autonómico de correspondentes xuvenís

 

As novas tecnoloxías e as ferramentas dixitais centraron este encontro que se celebrou os días 17, 18 e 19 de xuño nas Sinas

 

Once rapazas e rapaces ponteareáns participaron esta fin de semana no encontro autonómico de Correspondentes Xuvenís, un programa a través do que alumnado voluntario de segundo ciclo da ESO, bacharelato e ciclos medios ou superiores de formación profesional  recollen a información en materia de mocidade para trasladala e difundila entre o resto de mozos e mozas das súas vilas.

 

As e os correspondentes ponteareáns estiveron este venres, sábado e domingo nas Sinas nun encontro formativo con actividades centradas principalmente en facilitar a achega ás novas tecnoloxías da información e ao eido dixital de xeito seguro. Deste xeito, os e as rapazas puxeron o colofón final aos talleres gratuítos coordinados dende o Concello de Ponteareas e realizados ao longo do ano nos que todas e todos os participantes afondaron nesta temática.

 

“Para nós é un orgullo ter unha mocidade tan participativa e implicada, que asumen responsabilidades, traballan en equipo e buscan o mellor para todos os rapaces e rapazas ponteareás, trasladando todo o que aprenden de estudante a estudante”, explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

 

Neste novo encontro, a primeira actividade celebrouse o propio venres 17 de xuño, cunha velada formativa sobre novas tecnoloxías da comunicación a partir das 22.30 horas. O sábado 18 as e os participantes tiveron unha intensa xornada de formación que se foi intercalando con actividades lúdicas. Así, pola mañá, ás 10.00 h, as actividades arrancaron cun obradoiro formativo sobre noticias falsas e contidos de publicación, para continuar ás 14.30 h cun obradoiro sobre como crear unha campaña de marketing dixital. Tras estas dúas actividades, as e os participantes puideron desfrutar de tempo de lecer realizando SUP, kaiak ou xeolocalización e lasertag. A xornada rematou ás 22.30 h cunha nova velada formativa sobre como crear un xogo con ferramentas dixitais.