Oitava Feira de Oportunidades con rebaixas e horarios ampliados

A Asociación de Comerciantes Tea e a concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, convidan a vivir a oitava feira das Oportunidades que terá lugar os vindeiros 10 e 11 de agosto.

As rúas Oriente, Esperanza e Praza Bugallal convertiránse nun centro comercial no que atopar todo tipo de produtos e servizos a prezos rebaixados a partir do sábado 10 ás 09:30 horas.

Animación con música de Disc Jockey e atraccións infantís (se o tempo o permite serán acuáticas) serán as apostas do concello para amenizar unha tarde na que poden participar todas as familias.

Esta feira continuará aberta durante todo o domingo día 11 para poder mercar produtos de calidade a prezos moi reducidos. Complementos, roupa infantil e de adultos, óptica, calzado, agasallos e un sinfín de ofertas que axudarán ao cliente a aforrar e a adquirir os mellores produtos.

Este ano como novidade tamén poderemos mercar produtos alimenticios e agrícolas a granel contribuíndo así a unha compra máis sostible evitando o máis posible o emprego de envoltorios innecesarios.

A concelleira Eva Gil anima a toda a veciñanza da área metropolitana a que veñan, compren e desfruten en Ponteareas porque as tendas sairán ás rúas nun horario e días especiais con produtos incluso de tempada con rebaixas moi importantes. “Achegar o noso tecido comercial aos cidadáns da comarca e tamén do resto da área metropolitana é un dos obxectivos desta feira que convida a desfrutar dun día de lecer, diversión e compras ”.